DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun ciclo de documentais que abriu a peza de Susana Koska ‘Mujeres en pie de guerra’

O recordo das mulleres republicanas na Guerra Civil trae ao presente a loita continua pola igualdade

Mañá martes continuará coa proxección de ‘Cinco mil feminismos: Granada 2009’

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 17/10/2011

Tras unha etapa de liberdade durante a II República na que as mulleres deron grandes pasos cara a igualdade, chegaron os anos escuros da Guerra Civil e do franquismo. O futuro auguraba unha volta á casa, unha vida rexida pola relixión e toda unha xeración debería renunciar a esas conquistas e converterse, como as súas nais e avoas, en amas de casa. Por iso non dubidaron en loitar, non só na retagarda, senón na fronte, collendo o fusil ou a pistola e loitando por defender a lexitimidade republicana. A súa implicación, máis aló de seren viúvas, orfas e familiares de presos, é a que recolle o documental de Susana Koska, Mujeres en pie de guerra, co que se abriu o ciclo O persoal e o político: documentando a loita das mulleres pola igualdade.

Durante a xornada de hoxe e a de mañá martes a Facultade de Filoloxía e Tradución rende así unha sentida homenaxe a todas aquelas mulleres implicadas na loita feminista durante o século XX e os primeiros anos do XXI. Este é o obxectivo das súas organizadoras, Coral del Río e María Jesús Fariña que, en colaboración coa Unidade de Igualdade da Universidade, buscan traer ao presente unha loita e uns esforzos que seguen estando de total actualidade. Sobre a necesidade de seguir tecendo o camiño da igualdade falou tamén a propia autora do documental, Susana Koska, que destaca a necesidade de “seguir tirando deste fío, porque a historia destas mulleres é Historia”. Referíase a cineasta a que o sacrificio realizado por estas mulleres durante a guerra e o franquismo quedou moitas veces oculto por unha imaxe ben diferente de donas e mozas, viúvas, vítimas, que se resignaban a percorrer as cárceres e as fosas en busca dos seus familiares. “Esta é unha película heroica sobre militantes da liberdade, que deron un paso adiante” cando as súas coetáneas apenas saían da cociña.

Da casa á trincheira

Lonxe da imaxe dunha guerra de homes, onde as mulleres eran as vítimas dunha guerra fratricida, Mujeres en pie de guerra recolle a historia de Sara Berenguer, María Salvo, Rosa Laviña, Rosa Díaz, Neus Catalá, Teresa Buígues, Carme e Merçona Puig Antich. Todas elas narran neste documental a súa loita no bando republicano, ben sexa como milicianas ou como responsables da intendencia nas cidades desprotexidas tras a marcha dos homes á fronte, organizando hospitais, ocupándose das fábricas e poñendo en marcha comedores socias, ou dirixindo o abastecemento da fronte de guerra. A súa implicación masiva, igual que a de toda a xuventude, é consecuencia directa e lóxica, segundo Koska, da “época brillante” cultural e socialmente que precedeu ao levantamento militar.

Percorre tamén a cinta a traxedia da posguerra, do exilio, da cárcere, das torturas, da represión e da vida nos campos de concentración como o de Ravensbrück, en Alemaña. Nel acabou Neus Català tras ser deportada logo do seu paso polas cárceres francesas e nel seguiu loitando dentro das súas posibilidades, realizando sabotaxes na fábrica de armamento na que era obrigada a traballar. Como ela, este documental amosa a fortaleza de outras moitas e recolle “experiencias desgarradoras que te marcan e non permiten separar o persoal e o político”, como explicaba a autora, que se achegou por primeira vez ao eido audiovisual con esta cinta.

Tras ela viu Vindicación, a modo de segunda parte, na que recolle a loita do feminismo despois do franquismo. Este documental centra a sesión de tarde deste ciclo que continúa mañá martes ás 11.30 horas coa proxección de Cinco mil feminismo, de Cecilia Barriga, no que visibiliza os diferentes debates suscitados no transcurso das Xornadas Feministas celebradas en Granada en decembro do 2009, trinta anos despois de que tiveran lugar as primeiras, en 1979, cando comezaba a transición á democracia.