DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así o reflectiron nunha mesa de debate Antón Reixa, Manuel Olveira Pico e Martín Pawley

O recorte de fondos públicos e a crise poñen en perigo o exitoso audiovisual galego

Durante dúas semanas a asociación Trabalingua botou unha ollada a industrial cultural propia

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 07/04/2011
O audiovisual galego non pasa polo seu mellor momento. Tras máis dunha década de esplendor na que foi quen de demostrar que era capaz de producir de xeito diverso con alta calidade e elevadas garantías de éxito, a crise económica e a falta de fondos públicos provoca que esta industria, capaz de xerar riqueza e moitos postos de traballo, atravese unha situación complicada. Son algunhas das conclusións que o produtor e editor Antón Reixa; o actor e presidente da Academia Galega do Audivisual, Xosé Manuel Olveira, Pico, e o crítico de cine Martín Pawley puxeron sobre a mesa nun debate celebrado ao abeiro da clausura de Unha volta pola música e o audiovisual galegos, xornadas coas que a asociación de estudantes Trabalingua achegaron a comunidade universitaria unha ampla panorámica da situación actual de ambos sectores.

“Un absoluto desarme”

Mareas Vivas ou Pratos Combinados foron algúns dos exemplos nos que Antón Reixa fixo fincapé para ilustrar o “enorme” éxito da ficción televisiva galega. “O 80% dos proxectos de ficción que se crearon obtiveron bos resultados e todos superaron as temporadas de 13 capítulos”, subliñou Antón Reixa, ao tempo que explicou que o éxito non só se veu reflectido neste tipo de produto senón que se estendeu a outros como animación 3D, cine comercial e mesmo cine de autor de alta calidade, en referencia a filmes tan actuais como 18 comidas. “Son datos que constatan que sabemos facer produción audiovisual de calidade e que hai diversidade no tipo de produtos que se están a facer”, apuntalou.

“Nun pais con moitísima xente que reborda talento”, aspecto no que puxo o acento o presidente da AGA os participantes na mesa de debate aproveitaron o foro para denunciar a drástica diminución de axudas públicas “un absoluto desarme que están a levar a cabo de forma suicida”, subliñou Reixa, quen non dubidou en recalcar que as axudas a este sector póñense en cuestión continuamente, algo que non pasa noutro tipo de sectores. “Ninguén cuestiona axudas como as que se dan para as compras de automóbiles, pero si as audiovisuais”, ao que Pawley engadiu que o recorte nótase especialmente porque durante moitos anos o goberno galego fixo unha aposta “interesante e valiosa” por este sector.

O reto pasa pola internacionalización

Como principais desafíos e retos para o sector, os tres participantes coincidiron na necesidade de internacionalizarse para lograr ser competitivos en mercados máis abertos. “O feito de ser un país pequeno non hai que velo como unha carencia, senón en clave de universalidade”, subliñou Reixa, quen fixo fincapé en que se demostrou “que sabemos facelo, agora só temos que vendelo”, subliñou, ao tempo que engadiu que é un aspecto que se ven retrasando dende o ano 2005.

Tamén na mesma liña se manifestou o crítico de cine Martín Pawley, que fixo fincapé en que é imposible manter unha produción cinematográfica en Galicia sen pensar na internacionalización. “No caso da creación cinematográfica hai que ser conscientes de que non hai espectadores suficientes para ter unha produción propia que se financie por si mesma”, recalcou ao tempo que subliñou a chegada a chegada de novas posibilidades de negocio “modestas pero interesantes” coa distribución a través de figuras como os cine clubs ou as casas culturais.