DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Satisfacción entre os asistentes ao XXVII Encontro Galego-Portugués de Educadoras/es pola Paz

Entre recortes e máis recortes, unha fin de semana para renovar a ilusión por ensinar

A cita reuniu a máis dun cento de profesionais en Viana do Bolo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 29/04/2013

“Nun contexto de crise no que o ensino está a vivir recorte tras recorte, este encontro o que nos permitiu foi cargar de novo as baterías e renovar a ilusión por ensinar”. Deste xeito resume Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, o espírito que marcou o desenvolvemento do XXVII Encontro Galego-Portugués de Educadoras/es pola Paz, celebrado do 26 ao 28 de abril no IES Carlos Casares do concello ourensán de Viana do Bolo. A cita reuniu a máis dun cento de docentes e estudantes para, entre outras cuestións, reivindicar a educación emocional nas escolas en tempos de crise.

Entre os temas afondados durante a cita, destaca Xosé Manuel Cid, nesta edición fíxose fincapé na evolución do concepto de educación para a paz ata abranguer na actualidade as emocións dos estudantes, e non só a súa aprendizaxe de coñecementos. “Durante a xornada reflexionamos sobre a idea de que hai que entender a paz non como o contrario da guerra, senón en clave positiva, enfocando os conflitos como unha oportunidade de cambio e a mediación como unha ferramenta moi útil que permite que todos saian gañando na disputa”, apunta o docente do campus de Ourense.

“Os grandes recortes en educación están levando os problemas á escola. No momento en que a base da pirámide falla, no momento en que hai familias que teñen dificultades ata para dar de comer aos seus fillos, o ensino reséntese por todos os lados”, comenta o vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación. Neste senso, advirte do perigo que supón de cara a unha educación integral dos nenos e nenas o feito de que se eliminen do currículo os contidos que permiten a súa expresión emocional, como a música ou as artes. "A educación non é só saber matemáticas e lingua e a crise non debe facernos perder esa perspectiva", apunta.

Implicación de todos e todas

O XXVII Encontro Galego-Portugués de Educadoras/es pola Paz, organizado por Nova Escola Galega coa colaboración de diferentes colectivos, contou cunha ampla representación da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, promotora tamén destas xornadas desde os seus inicios. “Cinco das nove experiencias educativas que se expuxeron no encontro foron de estudantes nosos e entre os asistentes, a pesar de estar en época de exames, había un numeroso grupo de universitarios, destacando pola súa especial implicación os de Educación Social”, destaca Xosé Manuel Cid.

“Foi todo moi emocionante, desde a homenaxe na súa casa natal a Suso Jares, fundador do movemento de educadores pola paz, ata as actividades educativas compartidas, salientando coma cada ano o bo ambiente reinante e a participación nas diferentes actividades de todas as persoas asistentes”, subliña o docente ourensán. Seguindo a tradición das anteriores edicións, haberá que agardar agora a que as persoas que atopen a pomba artificial lanzada ao aire ao remate deste encontro se poñan en contacto coa organización, pois cada ano as xornadas celébranse no lugar onde esta pomba se pousa.