DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun informe presentado este martes

Red Localis propón un decálogo para os novos gobernos municipais

Nel destácase a importancia de apostar pola innovación na prestación de servizos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Publicacións
  • Transferencia
DUVI 23/07/2019

A Red Localis, rede de administración local xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo, presentou este martes un decálogo de retos que na súa opinión deberían asumir os gobernos municipais para o novo mandato 2019-2023. Nel destacan a importancia de apostar pola innovación na prestación de servizos.  

O decálogo forma parte do documento número 12 da entidade, titulado Retos dos gobernos locais 2019-2023, presentado este martes nas instalacións do Banco Sabadell en Vigo nun acto que contou coa participación de Concepción Campos e Alberto Vaquero, directores da Red Localis, e de Ignacio Rodríguez, director de Administracións Públicas do Sabadell Gallego. Segundo explican en nota de prensa desde a entidade, no inicio dun novo mandato dos gobernos locais, Red Localis identificou neste documento "os principais desafíos aos que se deben enfrontar as administracións locais”. Desde a rede, da que forma parte persoal docente e investigador e profesionais do eido local, “considérase fundamental que os novos gobernos municipais saídos das pasadas eleccións sexan conscientes das necesidades ás que se enfrontan para o novo mandato, avanzando nun modelo de administración aberta, próxima, innovadora e, sobre todo, enmarcando adecuadamente as políticas públicas municipais orientadas cara á cidadanía”.

Do goberno aberto á calidade dos servizos

As propostas recollidas no décalogo son profundar en políticas de goberno aberto; potenciar a implantación dos obxectivos de desenvolvemento sustentable; impulsar a innovación pública; garantir a seguridade en todas as súas dimensións e mellorar a planificación estratéxica a nivel urbano; consolidar as relacións interadministrativas para asegurar a racionalización dos recursos públicos; reforzar o papel das deputacións; mellorar o sistema de financiamento local, impulsar un renovado control interno local e incrementar a calidade na prestación de servizos públicos locais.

Entre estes desafíos, indican en nota de prensa desde a entidade, “a innovación debe abrirse paso na prestación de servizos municipais”. Ademais, engaden, “é tamén indispensable constituír gobernos locais que se guíen pola apertura á cidadanía, a integridade e a transparencia como criterios básicos de xestión política”. Os factores incluídos no decálogo, subliñan, "serán esenciais para afrontar o desafío que supón dar unha resposta ao drama da España baleirada”.