DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Comisión Concello-Universidade pecha trámites na última reunión do curso académico

Redactar os convenios de Tafisa e do colexio da ONCE, prioridades da Vicerreitoría antes das vacacións

É a primeira xuntanza do novo equipo de goberno do campus cos representantes municipais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Esmeralda L. Castro DUVI 24/06/2010

Hoxe tivo lugar a última xuntanza da Comisión Concello-Universidade do curso académico, que foi, á súa vez, a primeira do novo equipo de goberno do campus cos representantes municipais. Nela as dúas entidades quixeron ultimar os trámites pendentes para os tres temas que veñen sendo prioritarios nos últimos meses: a cesión do colexio da ONCE para a localización da residencia universitaria, a cesión da parcela de Tafisa para o Edificio das Artes e a humanización do campus. No caso dos dous primeiros a vicerreitoría deixará elaborados os borradores dos convenios pertinentes antes das vacacións do verán. En relación á adecuación urbanística do campus presentarase tamén o vindeiro mes o proxecto da primeira fase.
“Intentamos deixar pechado ao máximo todo o que se puido facer administrativamente ata hoxe”, declarou Antonia Blanco, a vicerreitora do campus, á saída da xuntanza. Subliñou que pouco a pouco se van cumprindo os obxectivos da comisión, da que xa formaba parte como directora da Área de Planificación e Coordinación do campus antes de asumir o seu novo cargo.

A intervención no colexio da ONCE orzamentarase en setembro

Con respecto ao edificio previsto para situar a residencia, o Concello informou aos representantes universitarios dos avances desta semana, na que a ONCE ratificou o acordo urbanístico que pon a disposición do Concello o colexio localizado en Campolongo. “Lista esa parte burocrática, nós elaboraremos un borrador do convenio para pasarllo ao Concello no mes de xullo e trazar o noso propio acordo de cesión”, salientou a vicerreitora. Con isto, Blanco considera que non haberá ningún retraso para poder orzamentar a obra de adecuación do edificio no mes de setembro. “Para levar adiante a intervención será preciso un curso académico, pois é de bastante envergadura e implica cambiar a cuberta e facer unha envolvente para todo o edificio”, precisou en canto á duración das obras.

Encargo do novo proxecto do Edificio das Artes

Desde o pasado 18 de xullo está aprobada provisionalmente por unanimidade da cámara municipal e sen ningunha alegación a modificación puntual dos terreos de Tafisa previstos para o Edificio das Artes. Agora será a Xunta de Galicia que ten que dar o visto bo e confirmar a aprobación definitiva nos vindeiros meses. “Entendemos que non haberá ningún problema nese trámite, o que nos leva a pensar que no último trimestre do ano poderemos contratar ao arquitecto, Juan Creus, para que realice o proxecto adaptado a esa modificación”, afirmou a vicerreitora. Para que isto sexa posible, deixarán tamén redactado un borrador do convenio que determine as condicións de participación de ambas partes antes das vacacións.
“Quero deixarlle os dous borradores listos e matizados ao Concello, son os meus traballos prioritarios agora, para á volta do verán acabar a redacción definitiva e asinalos”, mantivo Antonia Blanco. Con respecto á primeira fase da urbanización do campus sinalou que é unha intervención pequena dende os institutos ata a gardería para lograr un tránsito fluído do tráfico rodado.