DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Integrada por grupos de investigadores de varias universidades españolas

A Rede Comunica fai un chamamento á reflexión da Administración sobre a situación da interpretación nos servizos públicos

A profesora Maribel del Pozo e as súas alumnas relatan as principais carencias do sector

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 28/06/2010

Un simple erro lingüístico pode provocar a condena dun inocente ou un diagnóstico incorrecto con nefastas consecuencias para o paciente. Son dous dos exemplos máis graves, o xudicial e o sanitario, pero non son os únicos, a listaxe podería estenderse con multitude de situacións rocambolescas no eido educativo, no social.... Dende a Facultade de Filoloxía e Tradución a profesora Maribel del Pozo, coordinadora en Galicia da Rede Comunica, o Observatorio Permanente da Tradución e a Interpretación nos Servizos Públicos en España, acompañada por tres das súas alumnas lamenta no Duvi a infravaloración do labor do intérprete, pese a ser unha figura clave á hora de mediar entre dúas persoas ás que non só as separa a lingua, senón tamén a cultura.

Á pregunta de como actúan as diferentes administracións públicas cando precisan un tradutor ou un intérprete, todas responden ao unísono “depende, hai diferentes posibilidades”. O principal problema, salienta Del Pozo é que “a administración nin sequera sabe que existen intérpretes profesionais, xa que non hai un recoñecemento desta figura profesional”, por iso recalcan que o máis importante é conseguir un corpo de profesionais estable e ben formado que ofreza uns servizos de calidade e con garantías. “Hai que concienciar ás administracións públicas de que é necesario adaptar os escasos servizos que existen na actualidade á realidade sociodemográfica actual e desenvolvelos naquelas institucións nas que non existen como, por exemplo, o sector sanitario”, subliña a coordinadora en Galicia de Comunica.

O ámbito sanitario é o que presenta máis carencias

No ámbito xudicial, no que se inclúen xulgados e policía, o normal é contratar intérpretes a través dunha intranet da propia Consellaría de Xustiza, “onde os filtros de calidade son nulos”, especifican, ou ben recorríase a empresas coñecidas no sector. Agora a Xunta de Galicia acaba de sacar a concurso unha licitación pública para que poida presentarse calquera empresa “e que gañou a empresa Seprotec que opera a nivel nacional e cuxos método de contratación son moi cuestionables”, recalca Del Pozo. No eido policial normalmente acódese a calquera coñecido dos axentes, “dende o chino que ten o bazar ata o veciño marroquí”, salienta Diana Pereira, estudante de quinto de Tradución e Interpretación.
No ámbito sanitario a situación aínda é máis precaria, sendo o habitual acudir a familiares, amigos ou a persoal médico que coñeza a lingua... “non hai un protocolo establecido senón solucións ad hoc”, subliña Del Pozo.

No caso das ONGs o traballo sempre é a nivel de voluntariado e acostúmano a exercer persoas da mesma orixe ou procedencia, pero case nunca intérpretes profesionais. “Sen embargo, somos moitos os que estamos formados e poderiamos exercer este labor”, salienta Sandra Rodríguez que, a piques de saír ao mercado laboral, mira como a maior parte dos seus compañeiros dirixen as súas miradas cara a empresa privada ou a docencia, “onde as posibilidade de atopar un traballo son maiores e os índices de precarización menores”, subliña.

Tampouco se esquecen do ámbito educativo, pois son moitos os nenos que están a chegar, que non coñecen a lingua e se atopan sen o apoio de profesionais que os poidan axudar no proceso de adaptación. “Os intérpretes son necesarios para o alumno, pero tamén para os profesores e para a comunicación entre o centro e os pais”, recalca a docente, ao tempo que exemplifica con casos nos que é o propio neno o que lles interpreta aos pais como vai no colexio.

A acreditación como vía de solución

En canto ás vías de solución, aínda que admiten que hai varios camiños polos que se podería optar, todos pasan porque sexa a administración pública a que leve as rendas do proceso e non as empresas privadas. “A administración debe facer probas de habilitación para as distintas linguas axustadas ao perfil profesional que se busca”, matiza Del Pozo, que lembra que este é o procedemento habitual en países con maior tradición de recepción de inmigrantes coma Gran Bretaña, Estados Unidos ou Australia, “onde para conseguir a acreditación que che permite exercer e acadar unha remuneración apropiada tes que pasar toda unha serie de exames”..

Este proceso de acreditación permitiría, segundo explican, contar cunha bolsa de intérpretes de cada un dos idiomas, “evidentemente non pode haber intérpretes de todos os idiomas en todos os lugares, pero si debe haber unha bolsa nacional á que poder acudir cando sexa necesario”, matiza Pereira.

Chino e romanés copan en Galicia as solicitudes de intérpretes

A situación en Galicia é similar a do resto do Estado se ben o menor índice de poboación inmigrante fai que o problema non sexa tan preocupante coma noutras comunidades autónomas onde as necesidades son maiores, “pero tamén hai inmigrantes e tamén precisan interpretación e labores de mediación cultural e lingüística e a administración galega de momento non está a facer nada por paliar este problema”, subliña María Rodríguez, que xunto ás súas compañeiras está a realizar labores de voluntariado para a ONG Médicos do Mundo.

A nivel galego o chino e o romanés son os idiomas que máis se demandan pero tamén diferentes linguas de África. Despois, salientan, hai casos coma o inglés “onde calquera que teña uns mínimos coñecementos pensa que xa está capacitado para interpretar”, subliña Pereira, que insiste en que un intérprete profesional coñece o seu código deontolóxico e sabe como debe actuar. “Cando chega un inmigrante mirámolo cos nosos ollos e a nosa perspectiva pero proceden doutros lugares, chegan aquí con moitos problemas e atópanse con estas barreiras lingüísticas e sen profesionais que coñezan a súa lingua e cultura e poidan axudarlles”, lamenta Del Pozo, intérprete xurada habilitada polo Ministerio de Asuntos Exteriores.

O papel da rede en Galicia

A rede Comunica naceu no ano 2005 froito dunha reunión de investigadores ligados ao campo da tradución e a interpretación nos servizos públicos. Maribel del Pozo entrou a formar parte da mesma no ano 2007 e, dende entón, dirixe o traballo de observación que se fai en Galicia.
O principal obxectivo da rede aquí, subliña, é debuxar o novo mapa sociolingüístico de Galicia e detectar as necesidades de tradución e interpretación nos servizos públicos, con motivo da afluencia de inmigrantes. “Unha vez que se estableceron cales son as necesidades tratamos de fomentar a oferta de formación axeitada para os intérpretes desta comunidade, así como dos estudantes de Tradución e Interpretación”, puntualizou.