DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha xornada pioneira en España organizada polo grupo de Química Coloidal da Universidade

A Rede Galega de Nanomedicina amosa á comunidade científica os retos e logros desta da nanotecnoloxía aplicada á medicina

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Lucía Costas DUVI 05/11/2008

Fomentar o interese dos investigadores máis mozos do sistema nacional de I+D+i pola nanomedicina, intentando que sexa un lugar de encontro e discusión de químicos, físicos, biólogos e médicos, é o principal obxectivo da I Xornada Galega de Investigación en Nanomedicina que se celebra ata este xoves no Centro Social Caixanova de Vigo.
Esta xornada, organizada por primeira vez en España polo grupo de Química Coloidal da Universidade, nace coa intención de dar a coñecer o traballo da Rede Galega de Nanomedicina, na cal “a idea fundamental é promover a colaboración entre grupos da comunidade autónoma, intercambiar coñecemento e fomentar a saída dese saber xerado en Galicia cara ao exterior”, sinalaba Luis Liz Marzán, profesor da Universidade e responsable do comité organizador.

Competencia, colaboración e traslación

Competencia, colaboración e traslación son as palabras clave sobre as que se debe asentar a nosa ciencia, e así o fixo saber Manuel Joaquín Reigosa, o vicerreitor de Investigación da Universidade, no acto de inauguración. O sistema español de ciencia e tecnoloxía evolucionou nos últimos anos a pasos xigantescos pero segue sendo insuficiente, “non chega o que se fixo, estamos aínda nunha segunda división, e a ciencia española ten que aspirar á división de honra”, explicaba o vicerreitor, quen fixo un chamamento a todos eses mozos investigadores a que compitan e sexan excelentes. España é un país que está nun nivel de desenvolvemento que así o permite e en Galicia agora mesmo “temos oportunidades de abondo para fomentar boas carreiras científicas, para o que é preciso xogar á excelencia e ao máximo nivel de competencia”, continuaba.
Por outra parte, nestes momentos contar cunha rede de colaboradores é unha cuestión imprescindible para acadar o éxito e, neste senso, a Rede Galega de Nanomedicina é un gran exemplo a seguir. Son oitos os grupos que participan nela, cinco deles pertencentes á Universidade de Santiago, un á da Coruña, e dous á Universidade de Vigo, o de Química Coloidal liderado por Luis Liz e o de Inmunoloxía coordinado pola profesora África González. Unha rede que, non obstante, está aberta a novas incorporacións de grupos “que poidan aportan coñecemento e colaboracións aos que xa forman parte dela”, sinalaba Luis Liz. Deste xeito, ademais de ser competitivo, tamén se debe establecer unha rede de colaboración o máis extensa e completa posible, “só así será posible xogar en primeira división”, subliñaba Reigosa. É este tamén un dos obxectivos da celebración das xornadas, o expor máis polo miúdo cal é a actividade que se está a levar a cabo nos distintos grupos, “de xeito que existan máis colaboracións e se fomente un pouco máis ese contacto mutuo”, recalcaba Marzán, quen animaba ao achegamento dos participantes non só durante as conferencias senón tamén ao longo das partes sociais do evento.
A traslación, en relación á dimensión social da ciencia, é o último dos conceptos que salientaba o vicerreitor ao dirixirse aos investigadores noveis que se daban cita na sala. Facer chegar á sociedade a importancia que o desenvolvemento científico ten no desenvolvemento social e no benestar da cidadanía é esencial para o progreso. “A sociedade debe ser consciente de que cada euro que se invirte en ciencia non é un euro mal gastado, senón que é algo que redunda nun beneficio para a sociedade” manifestaba. “Temos que ser capaces de perseguir ata o final o proceso de I+D para que todo aquilo que se desenvolve nos nosos laboratorios algún día poidamos dicir, con orgullo, que está implantado nos hospitais e farmacias”, rematou dicindo Reigosa.

Temática dos relatorios

Estas xornadas, promovidas pola propia Rede Galega de Nanomedicina coa colaboración da Xunta de Galicia e da Fundación Caixanova, reúnen a investigadores senior e noveis que abranguen diversos aspectos da nanotecnoloxía con aplicacións biomédicas, amosando á comunidade científica as posibilidades desta nova ciencia e os logros acadados ata o momento.
O evento, de carácter multidisciplinar, está centrado en tres temas: as novas fronteiras do diagnóstico médico, as novas terapias e fármacos e os implantes e próteses. Cada unha destas cuestións será exposta por relatores españois de recoñecido prestixio entre os que destacan María Jesús Vicent, do Centro de Investigación Príncipe Felipe de Valencia; Laura Lechuga, do CSIC-ICN de Barcelona; Víctor Puntes, do Instituto Catalán de Nanotecnoloxía e María del Pilar Calvo, do Pharmamar de Madrid. Xunto a eles están presentes ata 120 xóvenes investigadores que actualmente traballan no campo da nanotecnoloxía aplicada á medicina e que buscan neste congreso un intercambio de coñecemento e a xeración de novas ideas.

Nanomedicinas anticanceríxenas

María Jesús Vicent foi a encargada de abrir a xornada cunha exposición sobre o deseño de nanoconxugados para o tratamento de tumores homono-dependentes. O relatorio centrouse nos conxugados poliméricos como unha das primeiras clases de nanomedicinas anticanceríxenas. “O desenvolvemento de novos portadores poliméricos biodegradables, a utilización de terapia de combinación e o deseño de conxugados dirixidos a novas patoloxías”, explicaba Vicent, son as tres aproximacións que se seguen no laboratorio para conseguir unha segunda xeración de nanoconxugados con propiedades terapéuticas melloradas. A investigadora fixo especial fincapé no tratamento do cancro de mama en mulleres postmenopáusicas e do cancro de próstata. “O tratamento clícnico actual para tumores hormono-dependentes baséase na comibnación de hormonas e quimioterapia”, sinalaba.
O cancro é o tema sobre o que se asentan gran parte dos relatorios, pois a nanomedicina supuxo un importante impulso na terapia desta enfermidade debido a súa contribución na mellora do diagnóstico e da eficacia dos tratamentos antitumorales.