DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebraron o 16 Seminario Internacional coa vista posta no ELC3 que terá lugar en Santiago en setemb

A rede de investigación English Linguistics Circle intensifica as súas actividades investigadoras e docentes

No mes de novembro Vigo acollerá o Ellipsis2012, un workshop internacional sobre a elipse

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 12/06/2012
Máis de 80 membros e cinco grupos de investigación das universidades de Vigo e Santiago de Compostela conforman a rede English Linguistics Circle, constituída en decembro de 2006. Neste tempo o seu traballo encamiñouse ao estudo da lingüística inglesa atendendo á cognición humana e a súa interrelación con ámbitos diversos como o bilingüismo, a adquisición das primeiras e segundas linguas ou os trastornos da fala. Nestes seis anos celebraron varios simposios nacionais e internacionais así como seminarios de traballo, o último deles a pasada semana en Vigo. O obxectivo desta xuntanza foi planificar as liñas de actuación para o que resta de 2012 así como avanzar na organización de dous eventos de relevancia que se van celebrar nos vindeiros meses. Por unha banda, o ELC3, congreso de posgrao en lingüística e cognición que terá lugar en Santiago de Compostela en setembro, o 21 e 22, e reunirá a máis dun cento de estudantes de doutoramento de todo o mundo. Por outra banda, o Ellipsis2012, un workshop internacional sobre a elipse, celebrarase no mes de novembro en Vigo.

16 Seminario Internacional da rede ELC

O Verbum acolleu a pasada semana o 16 Seminario Internacional da rede ELC, un foro de investigadores e investigadoras no que participaron, entre outros, Montserrat Comesaña, da Universidade do Minho, cun relatorio sobre os mecanismos neurolóxicos afectados pola interferencia lingüística de carácter léxico entre linguas en individuos bilingües portugués/inglés, e Hubert Cuyckens, da Katholieke Universiteit Leuven, que falou sobre a variación sintáctica diacrónica na lingua inglesa.

Baixo a coordinación da profesora da Universidade de Santiago de Compostela Teresa Fanego, no ELC traballan cinco grupos de investigación, dous vigueses dirixidos por Javier Pérez Guerra e Rosa Alonso, e tres composteláns coordinados pola propia profesora Fanego, Ignacio Palacios e Isabel Fraga. A maioría dos especialistas en lingüística inglesa de ambas institucións, así como un amplo grupo de investigadores e investigadoras da área de Psicoloxía Experimental traballan en ámbitos aplicados como o bilingüismo, o autismo ou o manexo de emocións. ELC ocupa unha posición destacada dentro das unidades de investigación competitivas do SUG, acadando financiamento ininterrompidamente da Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica en todas as convocatorias ás que concorreu en 2006, 2008 e 2011.

Ademais da investigadora, o ELC desenvolve un importante labor de formación de doutores con 15 teses defendidas nos últimos cinco anos; na obtención de numerosos proxectos nacionais e europeos; nunha forte presenza da rede en consorcios e redes internacionais; así como na colaboración con empresas e institucións para levar a cabo estudos sobre aspectos como os procesos de verificación do nivel de inglés das universidades españolas, por encargo do British Council, ou o deseño e construción dun corpus de aprendices de español, por encargo do Instituto Cervantes.

Na xuntanza da semana pasada acordaron tamén o programa de accións de difusión da súa actividade investigadora e formativa entre o alumnado de grao e posgrao do SUG a través de seminarios de investigación.