DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato explicou no Consello do Campus de Pontevedra as xestións que se están levando a cabo

A rede de investigación forestal xa conta cun plan inicial acordado polos axentes implicados

Xa está redactado o plan que coordinaría as accións de Areeiro, Lourizán, Misión Biolóxica e EE Fore

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 09/11/2011

A futura construción dunha engrenaxe estratéxica en Pontevedra ao redor da explotación forestal, abandeirada pola Universidade de Vigo, vai collendo forma. A rede de investigación forestal que harmonizaría a actividade da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, da Escola Forestal de Lourizán, da Misión Biolóxica do CSIC e da Escola de Enxeñaría Forestal xa conta cun plan de actuación inicial “acordado con todos os centros implicados”. Así o confirmou o reitor Salustiano Mato no Consello de Campus de Pontevedra, celebrado este mércores, onde deu conta das primeiras xestións levadas a cabo para a consolidación desta rede de colaboración forestal, “un dos principais eixos a traballar no campo da transferencia de coñecemento en esta cidade”. Salustiano Mato, como presidente do Consello de Campus, informou aos membros do mesmo de que xa se atopa en contacto con diversas institucións, “negociando o patrocinio e o apoio para a posta en marcha da rede de investigación forestal”.

O reitor na sesión do Consello tamén fixo alusión ao resto dos eixos estratéxicos do campus: os binomios deporte-saúde e creatividade-comunicación, que dixo "precisan da cooperación intelixente” de todas as facultades de Pontevedra. “Despois de Nadal estarán marcadas as principais liñas para comezar a traballar cos centros e cos investigadores, dotándoos de pautas e ferramentas definidas nun plan de actuación”, sinalou Mato. En relación co Grao en Dirección e Xestión Pública, impartido na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación o reitor afirmou que “temos que establecer unha política de visualización, dando a coñecer que somos o único lugar que pode formar a altos funcionarios na correcta xestión pública”, polo que resulta imprescindible “afianzar liñas estratéxicas coa Escola Galega de Administración Pública, Egap”, engadiu.

Datos de matrícula

Durante a reunión do Consello do Campus, Mato salientou os bos resultados de matriculación nos centros universitarios pontevedreses, sinalando un comportamento estable e de mantemento das estatísticas nos últimos anos. “Isto é debido á singularidade das titulacións do campus. Sempre se cobren as prazas ofertadas, polo que é moi raro que haxa variacións nos datos de matrícula”, aclarou. Tamén avogou pola necesidade de aproveitar as potencialidades e os puntos fortes do campus no eido da innovación educativa para "traballar transversalmente coas sinais de identidade de Pontevedra, o deporte, a saúde, a creatividade, trasladándoas ao mundo educativo a través das actividades de investigación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte”, apuntou o reitor.

Pola súa banda a vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, deu conta no Consello de Campus da lista de actividades realizadas e dos orzamentos do curso 2010-2011 das catro cátedras de empresa do campus: Alexandre Bóveda, Filgueira Valverde, Almirante Álvarez Ossorio e Ence. Na sesión de Consello tamén se constituíu unha comisión delegada para seleccionar os proxectos presentados nas convocatorias de cursos e obradoiros de extensión universitaria, da que pasa a formar parte a propia vicerreitora do campus como presidenta e como membros, os decanos das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte, Francisca Fariña, e de Ciencias Sociais e da Comunicación, Juan Corbacho. Por último, tamén se acordou convocar para o mes de decembro eleccións para a escoller os representantes de alumnos no Consello de Campus.