DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun informe presentado este luns na Facultade de Dirección e Xestión Pública

A Rede Localis define os dez retos que deberán afrontar os concellos nos próximos catro anos

Entre eles, a loita contra o despoboamento e a necesidade dunha reforma fiscal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 20/11/2023

Tras eleccións municipais de maio, as entidades locais inician unha nova etapa de catro anos nas que as e os seus responsables deberán “afrontar os retos que derivan do momento de evolución e transformación que vive non só a administración pública, senón a sociedade no seu conxunto”, como sinalan desde a Rede Localis, coordinada polo grupo GEN (Governance and Economics Research Network) da Universidade de Vigo. Co obxectivo de que poida servir como “folla de ruta” para as administracións locais, os codirectores desta rede, Alberto Vaquero e Concepción Campos, presentaron este luns na Facultade de Dirección e Xestión Pública o seu informe Retos de los gobiernos locales 2023-2027, nun acto no que estiveron acompañados polo decano, Enrique Varela. Neste documento establecen un decálogo de medidas e ámbitos de actuación, entre as que figuran a necesidade de acometer “unha verdadeira reforma fiscal a nivel local”, a loita contra o despoboamento ou unha "decidida aposta pola transición ecolóxica”.

Trátase, como lembraron nesta presentación, do terceiro informe elaborado pla rede tras unhas eleccións municipais, no que se recollen un conxunto de retos “en gran medida coincidentes, cos xa identificados" en estudos previos, o que amosa que se trata de “actuacións de carácter estrutural inherentes á propia natureza do mundo local”, como recolle o documento.

Da reforma fiscal á un “novo modelo de gobernanza”

Neste decálogo, destaca a necesidade dun “cambio na fiscalidade municipal”, no que se exploren vías como “gravar a renda individual e a actividade económica”, alén que esta siga pivotando sobre os bens inmobles. Neste punto, o documento recolle propostas como  “unha maior participación dos concellos na actualización dos valores catastrais”, no referido ao imposto sobre bens inmobles (IBI), un “novo deseño” do imposto sobre actividades económicas (IAE), ou converter nun “imposto verde” o que grava os vehículos de tracción mecánica (IVTM). Tamén no referido ao ámbito fiscal, outro dos puntos do informe incide no papel que poden xogar as administracións locais no fomento do emprendemento, lembrando unha serie de medidas recollidas nun protocolo asinado en 2017 pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), como bonificacións de ata o 95% en impostos como o IBI ou IAE.

Outro dos puntos pon o foco na necesidade de solucións para o problema do despoboamento que, lembran, “xa non só afecta aos municipios rurais, senón que se estende a vilas e pequenas cidades”. Neste ámbito sinalan que é imprescindible “a cooperación municipal” e o impulso de “servizos compartidos e actividades conxuntas”. No decálogo figuran así mesmo a adaptación do mundo local aos avances tecnolóxicos, garantindo que a “transformación dixital non supoña unha maior fenda para a cidadanía” ; a profesionalización da xestión pública; o cumprimento da Axenda 2030 dende o ámbito local e a unha “decidida aposta pola transición ecolóxica”, á que as administracións locais poden “contribuír significativamente”, tanto a través da contratación pública, como do “redeseño do territorio e a mobilidade”.

Por último, o documento fai énfase na necesidade de definir o papel das deputación provinciais, mellorar o funcionamento das mancomunidades e dispor “dun novo modelo de gobernanza local”, pondo o foco na "necesidade de incrementar o tamaño da planta local”, a través de medidas como a fusión dos concellos, ou o desenvolvemento de entidades supramunicipais.