DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na presentación do seu último informe de análise

A Rede Localis incide na necesidade de melloras para os municipios de menor poboación

O documento foi realizado no marco da Cátedra Institucional de Bo Goberno Local da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 20/12/2023

A Rede Localis, xestionada polo grupo Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo, presentou este mércores en Santiago de Compostela o seu quinto informe, titulado Retos e desafíos dos municipios de menor poboación. Nel abórdanse os principais retos da xestión municipal: a modernización, a demografía e o inframunicipalismo, incidindo na necesidade de melloras para os municipios con maiores problemas demográficos.

O documento foi presentado polos codirectores da Rede Localis, Concepción Campos Acuña e Alberto Vaquero, xunto coa coordinadora da rede, María Cadaval, nun acto que contou coa participación da directora xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, Natalia Prieto. No informe advírtese que é preciso poñer en marcha medidas que contribúan a frear o despoboamento dos municipios de menos de 5000 habitantes, tendo en conta ademais que en Galicia o 64% das entidades locais atópanse nesta situación. O documento afonda nas causas desta regresión demográfica e as medidas necesarias para avanzar na cohesión social e territorial “sen deixar atrás os retos das zonas rurais”. Neste senso, a directora xeral destacou a necesidade de que “as institucións teñan como obxectivo prioritario garantir a igualdade de oportunidades da cidadanía e a calidade na prestación de servizos públicos con independencia do lugar de residencia”.

O informe, dirixido por Concepción Campos e Roberto Fernández Llera e a coordinación de María Cadaval, tamén sinala o papel das deputacións provinciais na asistencia ao desenvolvemento dos municipios máis pequenos en base a un marco autonómico e supervisor. Ademais, fai referencia ao Estatuto Básico de Municipios de Menor Poboación para mellorar a situación destes concellos máis pequenos. Entre outros moitos aspectos, no texto da Rede Localis tamén se reflexiona sobre a reforma da lei estatal reguladora das bases do réxime local e sobre a revisión e actualización do marco lexislativo autonómico en materia de administración local, na que a Xunta está a traballar mediante un acordo coa Universidade de Vigo.

Cátedra Institucional de Bo Goberno Local

A publicación do informe presentado este mércores enmarcase na Cátedra Institucional de Bo Goberno Local posta en marcha o ano pasado entre a Xunta e a Universidade de Vigo co obxectivo de modernizar o marco lexislativo local grazas á experiencia investigadora da Rede Localis. Tal e como explicou a directora xeral de Administración Local, esta cátedra supón un espazo de reflexión e debate sobre as propostas de mellora no ámbito local para “avanzar cara unha administración do século XXI e facilitar o cambio de adaptación das entidades locais aos retos e demandas da sociedade actual”.