DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación e do Deporte acolleu un seminario sobre a prevención da violencia sexual

Unha rede de prevención como resposta ao abuso sexual infantil

O coordinador da federación de asociacións Fapmi alerta de que o 1% da poboación ten un perfil pedóf

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 25/03/2014

O 20% dos nenos e nenas sofren abusos sexuais antes de cumprir os 18 anos, segundo as estimacións da Federación de Asociacións para a Prevención do Maltrato Infantil (Fapmi), que hoxe martes presentou a campaña Un de cada cinco nun seminario celebrado na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte dirixido a concienciar a estudantes e profesionais da importancia de traballar na prevención da violencia sexual. O incremento do turismo con fins sexuais e do consumo de pornografía infantil a través da rede levan a Tomás Aller, coordinador de Fapmi, a alertar "dun problema emerxente” fronte ao que avoga por impulsar unha rede de prevención na que participen todo tipo de profesionais e colectivos vinculados directa ou indirectamente á infancia.

“O 1% da poboación ten un perfil pedófilo, esta é unha realidade que convén non obviar”, salientou Aller no relatorio inaugural do seminario Formación de mediadores para a prevención do abuso sexual infantil, organizado pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra e Fapmi. Ao mesmo tempo que denunciou a “progresiva e cada vez máis acelerada sexualización da infancia”, Aller subliñou que “aínda sabemos moi pouco de que fai que un pedófilo pase a ser un pederasta”. Por iso, a campaña Un de cada cinco, que impulsa o Consello de Europa, ten como obxectivo final contribuír á crear un “contexto social absolutamente intransixente” con todo tipo de maltrato sexual infantil. De aí que esta xornada formativa estivese centrada en concienciar da necesidade de acometer un traballo en rede, no que os profesionais de ámbitos como os servizos sociais, a saúde ou o ensino contribúan a “concienciar a súa contorna inmediata, informando de que é a violencia sexual, como se identifica e como hai que actuar”, segundo salientou Aller na apertura doseminario. Esta actividade formativa, que se completou con dúas mesas de debate sobre maltrato infantil e abuso sexual, superou en só dous días a cifra de cen matriculados, como salientou a decana de Ciencias da Educación e do Deporte, Francisca Fariña, na inauguración desta xornada, dirixida a “defender os dereitos dos nenos avanzando na prevención do maltrato e dos abusos sexuais”. Nunha liña similar pronunciouse Antonia Blanco, vicerreitora do campus de Pontevedra, que apuntou que “moitas veces o traballo preventivo non se logra por falta de formación” e incidiu en que “os profesores son, xunto cos pais, os primeiros que poderían detectar un caso de maltrato, e polo tanto, son tamén os primeiros aos que temos que formar e axudar”.

Non deixar aos nenos á marxe

Ademais de formar a profesionais, a campaña do Consello de Europa avoga tamén por abordar o maltrato sexual infantil directamente cos nenos e nenas, a través de información “adaptada as súas idades”, que debería inserise no “fomento da formación afectivo-sexual nunha idade temperá, xa que é o marco que permitirá traballar co abuso sexual dunha forma contextualizada”, salientou o coordinador de Fapmi, que defendeu a necesidade de “non deixar aos nenos á marxe”.

Por iso, entre os materiais da campaña figuran guías especificamente orientadas aos máis novos, coa idea de ensinarlles “a dicir ‘non’ dunha forma inmediata e firme a un contacto físico inapropiado, a afastarse de situacións non seguras e a contar as súas vivencias a un adulto de confianza”. Con ese obxectivo, elaborouse a guía A regra de Kiko, que foi presentada aos asistentes a este seminario e que busca que os nenos e nenas poidan recoñecer formas inapropiadas de tocar e saiban a quen dirixirse á hora de contar aquilo que lles teña acontecido. Así mesmo, entre os obxectivos da campaña tamén se atopa que os nenos e nenas coñezan en que adultos poden confiar á hora de abordar esta problemática, dado que, como indica Fapmi, “na maioría dos casos, o autor dos abusos é alguén a quen o neno coñece, o que fai particularmente difícil comprender” o que lles está a acontecer.

No 80% dos casos non se activan os recursos existentes

Outro dos “factores clave” na loita contra o maltrato infantil é para Tomás Aller avanzar na “detección e notificación dos casos, necesaria para que se activen todos os recursos de protección á infancia”. Segundo o coordinador xeral de Fapmi en torno ao 80% dos casos de violencia sexual ou ben non son detectados ou non se notifican aos servizos sociais, aos responsables do servizo médico ou aos orientadores dos centros educativos. Neste senso, Aller incidiu en que “unha notificación non ten nada que ver cunha denuncia”, senón que se limita “ao deber de informar cando un ten sospeitas”. Para este experto, non é apropiado agardar a “ter evidencias” de que se está a producir un caso de abusos sexuais, senón que tanto os profesionais vinculados á infancia como a cidadanía en xeral debería “poder informar de forma anónima” para que a partires de aí sexan os estamentos correspondentes os encargados de analizar se se está a producir ou non un caso de maltrato.