DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Académicos de diferentes países analizarán nunha conferencia os modelos e perspectivas dos gobernos

REDE propón un debate internacional sobre o tamaño dos concellos

Será o 29 e 30 de setembro no Pazo de Mariñán, na Coruña

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 28/09/2011
Na busca de solucións á crise, unha das moitas cuestións que se está a debater é a eficiencia das estruturas locais de goberno e das súas dimensións. Para analizar esta problemática arredor do tamaño dos municipios desde diferentes puntos de vista xeográficos e disciplinares, o Grupo REDE da Universidade de Vigo celebra os días 29 e 30 de setembro unha conferencia internacional baixo o título Challenge of Local Government Size: Theoretical Perspectives, International Experience, and Policy Reform. O seu obxectivo é transferir aos axentes implicados e interesados o coñecemento académico existente neste tema de actualidade.

A conferencia, que se celebrará no Pazo de Mariñán, na Coruña, está organizada polos profesores Santiago Lago, da Universidade de Vigo, e Jorge Martínez-Vázquez, da Georgia State University, e é a segunda de carácter internacional que organiza no ámbito da descentralización REDE, grupo de investigación en economía, negocios e desenvolvemento. Nesta ocasión e debido á preocupación económica que suscita, o tema elixido é o do tamaño dos gobernos locais desde o punto de vista de xestión económica e política. Deste xeito, segundo salienta Santiago Lago, algunha das cuestións que se abordarán na conferencia son a racionalización das estruturas locais de goberno, a eficiencia na prestación de servizos intensivos, a cooperación entre concellos, a influencia do tamaño dun municipio no seu peso político ou a corrupción nestas estruturas.

Para afondar nestas cuestións, a conferencia contará coa intervención de destacados expertos internacionais neste ámbito procedentes do mundo académico, que compartirán traballo a porta pechada con técnicos e responsables de diferentes entidades implicadas ou interesadas no ámbito das estruturas locais de goberno. “É un privilexio contar coas persoas que intervirán”, destaca Santiago Lago, que agradece en nome da organización a colaboración e patrocinio da Deputación da Coruña, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e do Instituto de Estudos Fiscais do Ministerio de Facenda.

Un destacado panel

As xornadas comezarán o día 29 cunha mesa con Andrés Rodríguez-Pos, do London School of Economics; Juan Luis Gómez-Reino, de Asian Development Bank, e Jorge Martínez-Vázquez, da Georgia State University, que falarán sobre as tendencias e cambios que se están producindo no ámbito internacional nas estruturas de goberno locais. Seguiranlle ao longo do día intervencións de académicos e expertos como Emmanuelle Auriol, da Universidade de Toulouse; Francisco Veiga e Linda Veiga, da Universidade de Minho; José Fernández, do CSIC, Víctor Lapuente e Nicholas Charron, da Universidade de Gothenburg; Ignacio Lago-Peñas, da Pompeu Fabra; Fabio Padovano, da Universidade Roma 3; Michael Nelson, da Universidade de Akron; Germà Bel, da Universidade de Barcelona, e Miriam Hortas, da Universidade Complutense de Madrid.

O segundo e último día de traballo, a conferencia comezará cunha intervención moderada por María Cubel, da Universidade de Barcelona, na que Rhys Andrews, da Universidade de Cardiff, analizará a cuestión da eficiencia do tamaño dos gobernos locais na oferta de servizos intensivos. Trala súa intervención sucederanse as conferencias e mesas que contarán coa participación de Luiz de Mello, da OECD; Santiago Lago; Jorge Onrubia, da Universidade Complutense de Madrid; Bernard Dafflon, da Universidade de Fribourg; Javier Suárez, da Universidade de Oviedo; Mildred E. Warner, do Cornell University; Diego Martínez, da Universidade Pablo de Olavide; Brian Dollery, da Universidade de New England, e François Vaillancourt, da Universidade de Montreal.