DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segunda sesión do ciclo de conferencias sobre medios de comunicación e educación na Casa das Campás

Pola rede, tamén da man de papá e mamá

O garda civil Gonzalo Sotelo afondou na relación dos menores de idade coas novas tecnoloxías

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 10/04/2012
As redes sociais convertéronse no novo “patio de xogos” dos máis pequenos da casa e os proxenitores deben adaptarse a esta nova realidade acompañándoos nas súas “aventuras” virtuais. Esta foi unha das ideas que defendeu Gonzalo Sotelo, membro do equipo de investigación de delitos tecnolóxicos da Garda Civil, na segunda sesión do ciclo de conferencias sobre educación e comunicación organizado pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra. “Igual que lles ensinamos aos nosos fillos no día a día, como pais temos a responsabilidade de inculcarlles un uso correcto das novas tecnoloxías”, sinalou Sotelo.

Para “acompañar” aos cativos e cativas pola rede, non fai falla ter amplos coñecementos de informática, “máis ben trátase de empregar a lóxica e de perder un pouco de tempo en coñecer como vai ese mundo paralelo das redes sociais”. Sotelo demanda unha implicación forte e comprometida por parte dos adultos “pois, do mesmo xeito que buscamos noticias sobre o noso equipo favorito de fútbol ou sobre determinados personaxes da prensa rosa, tamén se poden buscar outros contidos que si son de aplicación directa para os nosos fillos”, co fin de exercer un control sobre os usos “e guialos polo bo camiño na rede”, engadiu. A clave reside en que os pais e nais “non sexan tan preguiceiros” e que tenten descubrir pouco a pouco as aplicacións e servizos que os menores empregan todos os días, como as redes sociais, o Whatsapp ou a xeolocalización dos móbiles de última xeración. Os centros escolares tamén xogan un papel importante na prevención de futuros problemas “xa que non debemos esquecer o tempo que os nenos e nenas pasan nas escolas, onde comezan a ter amigos e a socializarse”.

Sensación de impunidade

Segundo o experto, a solución a posibles problemas na rede relacionados co dereito á intimidade, acoso, inxurias ou calumnias a menores, non radica na prohibición do uso “pois as novas tecnoloxías teñen un potencial moi grande”. Sen embargo, a ansia dos cativos por saber, a falsa sensación de impunidade unido a unha falta de valoración do risco provoca que cometan moitos erros na rede “e aínda que a maioría son coñecedores dos perigos, non reflexionan sobre o uso que lle están dando a esas tecnoloxías”, apuntou Sotelo.

Na sociedade existe unha maior concienciación e preocupación sobre esta problemática, pero Gonzalo Sotelo advertiu que non é suficiente. Recomenda unha implicación máis forte e comprometida de todos os actores sociais, “involucrándonos un pouco máis para tentar dar unha resposta á altura dunha necesidade actual” e puxo como exemplo outros países nos que é común ver anuncios en prensa e televisión “que advirten dos innumerables riscos derivados do uso das novas tecnoloxías por parte dos menores”, concluíu.

Estas xornadas sobre comunicación e educación prolongaranse durante todo o mes de abril sendo a próxima cita o martes da semana que vén para afondar nas posibles vías de protección do menor ante o fenómeno do grooming, da man da Fundación Alia2. Este ciclo pecharase o vindeiro 24 de abril coa intervención de Isabel Suárez, profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que disertará sobre a relación entre redes sociais e educación.