DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Rede traerá a Vigo destacados expertos nos campos da innovación e o medio ambiente

O británico Joe Tidd, experto en xestión da tecnoloxía e innovación, abrirá este luns os relatorios

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 11/12/2009
Un destacado elenco de profesionais de talla internacional cunha dilatada experiencia nos campos da innovación e o medio ambiente visitarán nos próximos meses a cidade de Vigo grazas a un ciclo de conferencias que organizou o grupo Rede (Research in economics, business and the environment) como parte da súa estratexia de transferencia do coñecemento.
O ciclo comezará este luns coa visita á cidade de Joe Tidd, un dos maiores expertos a nivel mundial no que deu en chamarse innovación lean, un campo emerxente no que ademais do tradicional énfase empresarial no custe e na calidade engade un terceiro alicerce: a xestión da innovación. Tidd explicará na súa intervención de onde xurde esta perspectiva integrada e como se pode conseguir implementala.

O sector do automóbil como exemplo

Os organizadores da conferencia destacan a importancia da visita de Tidd á cidade nun intre no que varios sectores empresariais galegos están intentando mergullarse nesta nova cultura empresarial á vista de que as iniciativas tradicionais de redución de custes son incapaces de facer fronte á competencia das súas homólogas radicadas en países en vías de desenvolvemento.
A nova cultura lean, na que afondará o experto británico, considera a innovación como parte dun sistema interconectado centrado en aumentar o rendemento a través da integración conxunta dos procesos, a organización, a tecnoloxía e os sistemas (POTS).
A experiencia do sector do automóbil resulta un claro exemplo da implantación deste tipo de cultura. A saturación do mercado global de automóbiles e as crecentes exixencias do cliente no ámbito da personalización e novidade do produto estimularon a redución da vida serie dos vehículos e impulsaron as innovacións continuas en módulos e compoñentes. Pero o do automóbil non é o único sector que serve de exemplo e outros como o da alimentación, naval, pedras ornamentais, madeira ou téxtil continúan por camiños semellantes.

Tidd, un experto en xestión da tecnoloxía e a innovación

Joe Tidd é físico con grados posteriores en política tecnolóxica e administración de empresas. Traballou como asesor xefe da CBI (Confederation of British Industry) para temas de innovación industrial e de tecnoloxías avanzadas, e actuou tamén como experto nas tres consultas realizadas pola Cámara dos Comúns e a Cámara dos Lores sobre estas temáticas.
Tidd foi un dos investigadores do International Motor Vehicle Program no Massachusetts Institute of Technology (MIT), que identificou por primeira vez as características do que acabarían denominando lean manufacturing, parte fundamental da estratexia competitiva das empresas do noso entorno, en particular no sector do automóbil.
No seu extenso currículo, no que relocen numerosos premios internacionais, aparece non só o nome de primeiras firmas internacionais para as que traballou senón tamén os títulos dos seus oito libros e máis de sesenta traballos sobre xestión da tecnoloxía e a innovación.

Hora e lugar

Esta primeira conferencia, patrocinada pola Fundación Caixa Galicia, forma parte tamén das actividades extracurriculares do Máster en Innovación Industrial e Optimización de Procesos, organizado polo grupo Rede en colaboración con centros tecnolóxicos e empresas industriais galegas e coordinado polo profesor Xosé H. Vázquez, que será o encargado de presentar a Joe Tidd.
A cita será este luns 14 de decembro ás 18.00 horas no Centro Sociocultural Caixa Galicia Vigo e, se ben o acto se desenvolverá en inglés, contarase cun servizo de tradución simultánea.