DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría do campus de Pontevedra organiza un curso sobre ‘community management’

As redes sociais, factor decisivo para o éxito empresarial

Esta actividade formativa gratuíta desenvolverase nos meses de abril e maio na Casa das Campás

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI 22/01/2014

Nun mundo no que boa parte da poboación permanece conectada a Internet en todo momento, as redes sociais estanse a converter nunha das ferramentas fundamentais para o éxito ou fracaso dun proxecto empresarial. Non en van, a través delas as empresas poden comunicarse directamente coa súa clientela, que hoxe en día “ten o poder de levantar ou afundir un negocio só coas súas opinións”, afirma Marta Crespo, que se encargará de impartir o curso Introdución ao Community Management, organizado pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra e que se impartirá entre o 21 de abril e o 5 de maio na Casa das Campás.

“Internet cambiou a nosa forma de actuar como consumidores. Antes para mercar algo ías a unha tenda, preguntabas e tomabas unha decisión. Hoxe en día, consultas na rede o que vas facer, ata na propia tenda podes comparar prezos co móbil”, destaca a community manager que impartirá este curso gratuíto, aberto tanto á comunidade universitaria como a todas as persoas interesadas, que poderán preinscribirse entre o 9 e o 16 de abril a través da plataforma Bubela.

Cambiaron os tempos e se antes as empresas recorrían á publicidade nos medios de comunicación para facer chegar a súa mensaxe dunha forma masiva, a irrupción das redes sociais permítelles agora entrar directamente en contacto cos seus clientes, coñecer as súas necesidades e recoller as súas opinións. "Arredor da empresa, fórmase na rede unha comunidade que pode xerar información positiva en beneficio da firma”, apunta Crespo. Pero tamén pode acontecer todo o contrario, “que un pequeno erro que igual se pensa que non é importante pode converterse nun fenómeno viral a nivel mundial”.

Unha profesión con futuro

O mundo empresarial non pode permanecer alleo á importancia desas novas canles de comunicación e aí entra en xogo a figura do community manager, unha persoa que coñece as “ferramentas e os métodos adecuados para operar nas redes sociais a nivel empresarial e que é, como quen di, o intermediario entre empresa e o cliente”, explica Crespo. De aí que esta nova figura profesional se teña convertido nunha “importante saída laboral e nunha opción de futuro á hora de completar formación e abrirse as novas opcións profesionais para traballadores de calquera perfil”.

Desde unha óptica empresarial, o manexo das redes sociais non pode limitarse a crear un perfil en Facebook ou en Twitter e comezar a publicar, senón que é preciso coñecer en profundidade as ferramentas necesarias para xestionar e potenciar a actividade nestas novas contornas ou saber elaborar un plan de Social Media, que son precisamente os contidos nos que se centrará o programa deste curso.