DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dúas alumnas imparten un curso sobre estas ferramentas a docentes do Grao en Dirección e Xestión Púb

As redes sociais fan que profesor e alumno intercambien os seus papeis

Trátase de aproveitar os recursos e coñecementos que se xeran dentro da propia Universidade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 16/12/2011

Que alumno non desexou nalgún momento da vida universitaria darlle clase a un profesor? Esta oportunidade tivérona dúas estudantes do Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, Guadalupe Reboredo e Sandra Mosquera, que están a impartir un curso sobre redes sociais ao seus propios profesores dentro do mestrado e do Grao en Dirección e Xestión Pública. “Trátase de aproveitar a potencialidade e a experiencia de dúas estudantes que están mellor preparadas que nós en este eido, optimizando o máximo posible os recursos que se xeran dentro da Universidade”, explica o profesor Enrique Varela, promotor da iniciativa.

O cambio de roles en este seminario supón aproveitar ao máximo a formación que o alumno foi recibindo ao longo dos seus anos universitarios. “O estudante debe cooperar e dar apoio pois dalgunha forma debe devolver algo a aquelas institucións que investiron nel”, apunta Varela. En este caso, tanto Guadalupe Reboredo como Sandra Mosquera realizaron no verán as súas prácticas fin de grao na plataforma online de promoción turística VisitPontevedra da concellería de Turísmo pontevedresa, “polo que contan coa suficiente experiencia para guiar ao profesorado do grao polo mundo das redes sociais”, engade Varela. A clave do éxito desta iniciativa está na confianza, “pois como docentes debemos ter fe no que nós mesmos formamos”.

Balance da experiencia

Tanto as alumnas como os docentes amósanse moi satisfeitos dos resultados desta experiencia piloto. O profesor Álvaro López Mira destaca que é todo un orgullo ver “os froitos que os anos da carreira produciron en dúas antigas alumnas do Grao en Dirección e Xestión Pública, cunha excelente capacidade de expresión oral, manexo de fontes, madurez intelectual...” ao que engade o moito que leva aprendido sobre as novas tecnoloxías grazas ao traballo desempeñado polas “novas docentes”. Para Guadalupe Reboredo, a experiencia de ensinar aos seus profesores supón todo un reto e unha grande oportunidade “de demostrar todo o que me ensinaron como alumna”.

Este curso de redes sociais céntrase en resaltar os beneficios que poden achegar estas ferramentas ao eido académico e investigador para conseguir promocionarse máis aló da institución universitaria. “Como investigadores debemos saber manexar as redes sociais para proxectar o noso rendemento fóra da contorna habitual”, comenta Enrique Varela. Así o corpo docente coñece da man das súas alumnas as principais ferramentas de comunicación online, ademais dos beneficios de crear comunidades ou da creación dun blog por parte do investigador para divulgar as súas achegas. Nestes momentos o seminario estase impartindo de forma virtual e cada un dos profesores ten que desenvolver un perfil na rede social que estime oportuna e enchelo de contidos sobre o seu labor investigador e profesional.

Observatorio de Gobernanza

Como puntualiza o profesor Varela, este curso é o primeiro paso dunha estratexia máis global que están levando a cabo os membros da Área de Ciencia Política e da Administración e que se basea na creación e desenvolvemento dun Observatorio da Gobernanza que será presentado publicamente en xaneiro do 2012. “Este observatorio queremos que se converta na marca que defina aos docentes desta área, servindo de motor do labor investigador e de apoio para o Grao en Dirección e Xestión Pública e para o Máster en Dirección e Liderado Institucional”, adianta Varela.