DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de Dirección e Xestión Pública presenta o informe de posicionamento na rede de 'Visit-Ponte

As redes sociais desde os ollos dun especialista en xestión pública

No marco dun convenio de prácticas entre a Universidade e o Concello de Pontevedra

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 06/06/2011

Case dous meses de prácticas na Oficina de Turismo do concello de Pontevedra foron suficientes para que dúas alumnas e un alumno do último curso do Grao de Dirección e Xestión Pública, Guadalupe Reboredo, Sandra Mosquera e Alexandre Rodríguez, elaborasen unha estratexia de posicionamento na rede de Visit-Pontevedra, páxina web que fomenta no mundo virtual o turismo da cidade. Esta colaboración é froito dun convenio entre a Universidade e o propio concello “permitíndolles ao noso alumnado facer algo práctico e innovador e implicándose na experiencia laboral”, comentou o profesor Enrique Xosé Varela, coordinador das prácticas.

Presentado polo concelleiro de Turismo e Educación en funcións, Julio Castela, o informe é o resultado “dun exhaustivo estudo de como se atopa a empresa de turismo nas redes sociais e que estratexias hai que levar a cabo para sacar o seu máximo rendemento”, explicou Varela. Agora ben, o profesor quixo resaltar a importancia de que esta práctica fora realizada por alumnado de Dirección e Xestión Pública, pois “aínda que estamos a falar de redes sociais non hai que esquecer que non se trata dunha conta particular, senón dunha rede institucional, dun espazo público, polo que haberá que deseñar actuacións moi adaptadas a esta realidade, cuestión na que o noso estudantado está perfectamente formado”.

Pola súa banda Guadalupe Reboredo, unha das alumnas responsable do informe, salientou que con estas prácticas puideron demostrar a valía da súa formación “máis aló da administración pública, pudendo empregarnos en novos ámbitos que ofrecen as novas tecnoloxías”. Para o alumnado en xeral o balance foi moi positivo “porque aceptaron e acolleron con entusiasmo as nosas propostas”, comentaron.

Algúns dos resultados do informe

Tras realizar unha análise pormenorizada das redes sociais nas que tiña presenza a empresa de turismo de Pontevedra, e sometela a comparación con outras estratexias homólogas das cidades de Gijón, San Sebastián, Guipúzcoa ou Santiago, chegaron á conclusión de que a cidade ten unha gran potencialidade turística na rede “pero queda moito por explotar”, aclararon. Por unha banda, “non abonda con crear os perfís nas redes, hai que xestionalos con moito coidado unha vez abertos”, pois nas redes sociais quedan recollidas as opinións dos ususarios “e das que se fiarán os potenciais turistas” e, por outro lado, “facerse presente en redes especializadas en turismo como en Trivago, para chegar mellor e a máis xente interesada”, que resulta ser un perfil de clase media urbana, “homes e mulleres entre 25 e 45 anos e con dous fillos”.