DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A empresa xorde do traballo desenvolto no Laboratorio de Redes

As redes sociais tamén poden ser educativas

A spin-off SocialWire Labs comercializa estas aplicacións orientadas á docencia

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 20/04/2010

Facebook ou Twitter son redes sociais moi efectivas e de uso masivo pero “son demasiado grandes e nelas hai moito ruído e moita xente”, dende o punto de vista do profesor José Carlos López Ardao. Por iso, o seu traballo no Laboratorio de Redes do Departamento de Enxeñaría Telemática leva anos orientado a aproveitar as vantaxes destas ferramentas para a docencia na procura dunha rede social educativa. Así nace, para comercializala, en decembro de 2009 a spin-off SocialWire Labs da man de cinco profesores da ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación e un antigo alumno. Para Ardao, as novas tecnoloxías e a posibilidade de docencia non presencial que presenta o EEES fai que “o futuro neste campo pase polas redes sociais específicas, circunscritas a un ámbito concreto, neste caso o docente”.
Neste tempo o seu traballo xa comezou a dar os seus froitos e están en contacto con empresas como Tórculo, TVG, Formega, a Asociación Galega de Editores, a Escola de Negocios Caixanova ou a Rede Otri de universidades españolas. A idea é ofrecer a universidades, institutos, escolas ou academias unha rede social educativa á medida das súas necesidades que reúna as posibilidades das redes sociais xeneralistas coa especificidade do seu uso para a docencia. Segundo explica, na actualidade as plataformas como moodle son de uso común en todas as universidades (sobre ela aséntase a plataforma de teledocencia TEMA da Universidade de Vigo), pero son demasiado ríxidas, “teñen moitas carencias no que se refire ás relacións sociais, dificultades para crear grupos e relacionarse entre eles". Por este motivo a vantaxe desta nova plataforma, que aínda non ten nome, é a de unir redes sociais e plataformas de docencia clásicas, “permite a mestura dos dous modelos”.

Que ofrece a nova unha rede social educativa?

Unindo as posibilidades de relación das redes xeneralistas co potencial educativo de plataformas de teledocencia, esta nova ferramenta permite non só intercambiar apuntamentos e resolver dúbidas, senón de “crear exames, facer cuestionarios, levar un seguimento das tarefas e cualificacións dos alumnos, secuencias de aprendizaxe, etc”, explica López Ardao. Cada grupo que se constitúe é unha materia dunha titulación, o que axuda á organización e á claridade e permite subir arquivos, crear foros de discusión, subir vídeos e audios, facer xogos, concursos, traballos en grupo, exercicios, aclarar dúbidas, ter unha axenda de actividades... Deste xeito, a relación ríxida entre docente e alumno reláxase, todos poden crear grupos e foros sobre calquera tema, participar e cooperar.

O TIC TAC da ETSET foi o xermolo

A idea de crear unha ferramenta innovadora como esta xorde dos anos de experiencia impartindo o primeiro programa de doutoramento non presencial en España. “Permitiunos captar alumnos de todo o mundo para dirixirlles as teses e tamén nos deixou ver as necesidades dunha plataforma menos ríxida” apunta o profesor, “e acabei convencido de que estes dous mundos, as redes sociais e as plataformas de teledocencia, poderían acabar converxendo nunha ferramenta que ata o día de hoxe non existía”.
Pero as primeiras probas para esta nova ferramenta fixéronse na propia ETSET coa creación de TicTac, a rede social educativa escola, “que nos permitiu testar o interese da comunidade educativa por este tipo de aplicacións”. Actualmente nela converxen 1100 membros, docentes, traballadores, estudantes e mesmo pais, “un éxito rotundo” explica Ardao, pero puntualiza que “é unha rede xeneralista, non ten que ver coa plataforma que ofrecemos ao mercado, pero sirve para ver os nexos curiosos que se dan “cando creas unha rede social virtual sobre unha comunidade real”.

A recomendación social, proxecto de futuro

A pesar dos poucos meses que a empresa leva en funcionamento, López Ardao fai unha lectura moi positiva da experiencia. “Ata agora en todos os lugares onde presentamos a ferramenta o éxito foi pleno” destaca, xa que ademais de presentar a plataforma “tamén lles amosamos un xeito distinto de traballar, danse conta de que o mail non é o único xeito de comunicarse, nin sequera o máis práctico”, é un cambio substancial no xeito de traballar.
De cara ao futuro, esta aposta polas redes sociais educativas abre outras portas, outras oportunidades de negocio, entre elas a recomendación social, na que xa están traballando. “Para unha plataforma de venda on line unha mecanismo de recomendación social pode ser fundamental”, explica, trátase de ensinar ao cliente cousas que lle interesan e isto se pode aplicar ao mundo docente. A idea é facilitar a busca de material, tanto para o profesor como para o alumno, de recomendarlles contidos docentes, pílulas de aprendizaxe, lecturas... e todo iso faise creando unha ferramenta que sexa quen de rastrexar a súa bagaxe na rede, as páxinas que visitou, os arquivos que descargou... “esa é unha importante meta para o futuro, un avance cualitativo moi importante no que temos que seguir traballando”.
Toda esta experiencia acumulada tamén lle valeu ao profesor López Ardao a invitación do ministerio para participar a vindeira semana en Madrid nunha mesa redonda sobre usos educativos das redes sociais organizada polo Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos.