DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nace a Rede de Incubadoras de Empresas Tecnolóxicas e Innovadoras

Redincuba ou a integración na procura de novas iniciativas empresariais

Da man das universidades galegas, parques tecnolóxicos e centros de empresa e innovación

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 16/11/2011

Mellorar os procesos de transferencia de coñecemento e fomentar e consolidar o emprego altamente cualificado son dúas das prioridades coas que a Rede de Incubadoras de Empresas Tecnolóxicas e Innovadoras, Redincuba, inicia a súa actividade. A rede que naceu oficialmente este mércores nun acto celebrado no edificio Emprendia da Universidade de Santiago de Compostela, está conformada por un total de oito institucións: a incubadora de empresas da USC (UNINOVA), a Fundación Universidade de Vigo, a Universidade da Coruña, a Cidade Tecnolóxica de Vigo (CITEXVI), Tecnópole-Parque Tecnolóxico de Galicia, a Fundación CEL, o Centro de Iniciativa Empresarial A Granxa do Consorcio Zona Franca de Vigo e o Centro de Empresas e Innovación-CEI-Nodus de Lugo. Na presentación da rede realizada polos reitores das universidades de Santiago, Vigo e A Coruña, Juan Casares, Salustiano Mato e José María Barja, púxose de manifesto que esta entidade sen ánimo de lucro se constitúe como instrumento de referencia en materia de creación de empresas, así como un elemento integrador que busca a cooperación dos axentes implicados na creación de novas iniciativas empresariais cara á posterior consolidación de empresas no mercado.

Finalizada a presentación, Redincuba quedou formalmente constituída coa sinatura da acta constitutiva na que interviñeron ademais dos tres reitores, o alcalde de Lugo, José López Orozco, como presidente do CEI-Nodus; a delegada especial do Estado no Consorcio Zona Franca de Vigo, Mª Teresa Pisano, en representación do CEI A Granxa; o director xeral de I+D+i da Xunta de Galicia e o conselleiro delegado do Parque Tecnolóxico de Galicia, Ricardo Capilla; o xerente de CITEXVI, Manuel Joaquín Aranda; e o presidente executivo da Fundación CEL, Luis García Santalla. Coa súa constitución a Rede facilitará en Galicia o intercambio de boas prácticas e metodoloxías no ámbito da incubación, a transferencia de tecnoloxía e a xestión da innovación e da súa sistematización mellorando os servizos ofertados.

Un salto cualitativo no sistema actual de incubadoras

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares, incidiu na súa intervención na importancia da mellora dos procesos de transferencia do coñecemento e do fomento e consolidación do emprego altamente cualificado, como prioridades de Redincuba. “Dous cometidos”, segundo sinalou o presidente da Rede, “que entroncan con obrigas propias das universidades coa sociedade”.

Para Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo e vicepresidente primeiro de Redincuba, “o camiño entre as ideas e a súa posta en valor é un camiño de persoas”. Mato que valorou como “fundamental” a implicación das institucións para que as ideas “broten e sexan protexidas”, avogou porque o sistema actual de incubadoras dea un salto cualitativo para ser “algo máis que caseiros amables” e se ofreza “un valor engadido nesa etapa de residencia” que se traslade ao proxecto empresarial. Para Mato, Redicuba é sinónimo de traballo en conxunto e “un exemplo claro de acoplamento intelixente”.

Pola súa banda o reitor da Universidade da Coruña e vicepresidente 2º da Rede, José María Barja, apuntou que Redincuba “vai permitir estender a experiencia acumulada polas universidades galegas en materia de transferencia de coñecemento e aproveitar sinerxías”.

Unha rede de incubadoras, para que?

Redincuba que prestará especial atención a potenciar e reclamar dos organismos competentes a promoción, creación e mantemento das incubadoras empresariais, centrarase na defensa, representación, promoción e salvagarda dos intereses xerais das incubadoras asociadas e do conxunto do sector. O fomento da avaliación entre incubadoras e o traballo en prol da creación de redes de expertos que ofrezan servizos avanzados en consultaría de empresas, son outros obxectivos da Rede que tamén dedicará especial atención á formación na xestión de I+D+i con iniciativas específicas dirixidas ao persoal dos socios e das empresas promovidas.
A colaboración entre axentes dedicados á creación de empresas innovadoras de base tecnolóxica en Galicia permitirá un mellor coñecemento mutuo e a realización de actividades conxuntas, en especial entre pemes, incubadoras e axentes especializados en creación de empresas de base tecnolóxica.