DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tamén se realizou unha panorámica sobre a evolución de Faro de Vigo e Diario de Pontevedra

A reflexión sobre os casos galego e catalán na construción da memoria histórica pecha “Facendo Historia”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 30/06/2009

Os casos galego e catalán e o labor de contar a historia do día a día de dous cabeceiras históricas como Faro de Vigo e Diario de Pontevedra puxeron punto e final ao seminario Facendo Historia. Nas dúas xornadas de reflexións e mesas redondas durante as que se prolongou, esta cita, coordinada polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e presidente da Asociación de Historiadores de la Comunicación, Alberto Pena, conseguiu cubrir o oco que no espazo académico existía ata agora arredor da memoria histórica. E é que segundo explicou, “non ten habido ningún e é preciso abordar esta cuestión con perspectiva, sen emoción, e analizar a construcción que dela fixeron os medios”.
Se na xornada do luns os participantes no seminario aproximáronse a conxunción de memoria, medios e historia no contexto español e portugués, hoxe a sesión comezou da man de Xosé López, xornalista e profesor titular de Xornalismo na Universidade de Santiago, ademais de membro do Consello da Cultura Galega. López tomou unha cita de Vilar Ponte, que reza “a prensa é mala pero é máis mala a opinión pública que alcahueta as súas mentiras piadosas”, como inicio e fin da súa intervención na que fixo un repaso polos inicios do xornalismo galego con fitos como a aparición de El Cantón Compostelano en 1800, O tío Marcos da Portela (primeira publicación en galego), Grial ou Teima (primeira publicación periódica de información xeral en galego) para sinalar que “toda comunicación é identitaria e a memoria é a base constitutiva da identidade”. Ao mesmo tempo comentou algunhas medidas adoptadas a partir de 1980 como a creación de da sección Galicia nos xornais xa que “ a información reforza a imaxe de comunidade e país e articula un novo discurso marco” ou a reconversión tecnolóxica. O reto para o futuro, sinalou, é “conseguir medios comprometidos coa calidade, pluralidade e diversidade para construír unha nova visión histórica”.

Medios de acción de cambio

Pola súa banda, Josep María Figueres, da Universidade Autónoma de Barcelona, puxo o caso catalán como exemplo de como “os medios poden ser elementos que dinamicen accións de cambio”. Logo dun repaso polos primeiros tempos do xornalismo catalán que completou “unha malla que axuda a entender o que pasa coa memoria histórica en Cataluña”, Figueres explicou que alí “son os medios de comunicación os que se implican de forma máis efectiva na proxección pública da verdade”. Como exemplo disto explicou que hai poucas zonas onde non se poidan situar os sucesos de 1936 e 1937 xa que existe “un desexo de coñecer a verdade e resituala”. Como colofón ao seu discurso, Figueres sinalou que “só o coñecemento nos pode axudar a comprender a realidade e ese é o punto de unión entre xornalistas e historiadores”.

A historia do día a día

Na reconstrución da historia os medios de comunicación son unha fonte insubstituíble e por iso Facendo historia precisaba unha representación deles na súa programación. Esta chegou da man do conselleiro de Faro de Vigo, Ceferino de Blas, e do director de Diario de Pontevedra, Antón Galocha, que repasaron a historia dos seus diarios, paralelas ás dos seus ámbitos de difusión.
De Blas recordou aquela publicación que naceu en 1853 como “diario mercantil, industrial e agrícola” para defender estes tres soportes do desenvolvemento de Vigo e a súa contorna, duns 5.000 habitantes naquel entón. “A resposta”, declarou o conselleiro en relación á memoria histórica, “está en Faro de Vigo porque todo o ocorrido nos últimos 155 anos no Sur de Galicia está nas súas páxinas”. A conexión co público, a dotación dos adiantos técnicos precisos e a presenza dun empresario, Ángel de Lema y Marina, trala súa dirección foron sinalados por De Blas como factores que explican porque Faro de Vigo foi o único xornal que chegou aos nosos días das 135 publicacións coetáneas no momento do seu nacemento.
Pola súa parte, Antón Galocha, ofreceu unha panorámica da evolución de Diario de Pontevedra e sinalou que os xornais viven “pensando máis no futuro que no pasado”, dato a ter en conta ao falar de diarios e memoria histórica. Aínda que o pasado que centrou as intervencións deste seminario non ofrecía moitos motivos de risa, Galocha soubo tirar “da paixón de Diario de Pontevedra polos erros e os números (en alusión aos bailes nas datas dos seus números ou no curioso feito de ter botado á rúa dous exemplares número 25.000)” para amenizar a súa exposición. Cun repaso por algunhas das súas portadas, o director amosou “como os xornais describen directa ou indirectamente realidades” recuperando notas oficiais de, por exemplo, listados de mestres suspendidos de emprego e soldo, “que poden dar moita luz ao traballo de historiadores”.