DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O presidente da CEP, José Manuel Fernández Alvariño, inaugurou o Ciclo de Conferencias de Alta Direc

“A reforma laboral é necesaria, senón perderemos competitividade”

Demandou apoio das administracións á universidade, porque representa futuro, innovación e emprendeme

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 09/02/2012

Reforma laboral, adelgazamento das administracións, emprendemento, reestruturación do sistema de xustiza e unha firme aposta polas universidades. Estas son as receitas de José Manuel Fernández Alvariño, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, para tentar saír da actual crise económica. As súas achegas foron as primeiras da segunda edición do Ciclo de Conferencias de Alta Dirección que botou a andar este xoves na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, organizado no seo do Foro Universidade-Empresa, froito da colaboración entre o Círculo de Empresarios de Galicia e a Universidade de Vigo.

O presidente dos empresarios da provincia de Pontevedra salientou a necesidade de acometer con urxencia a reforma laboral, “de reestruturar o mercado de traballo para non seguir perdendo competitividade e non frear o crecemento da empresas”. Destacou a gravidade das cifras de paro xuvenil, que alcanza en España o 50%, e demandou unha aposta clara e decidida das administracións polas universidades “porque son o futuro, delas depende a innovación, a cultura e o emprendemento”. Puntualizou a necesidade de frear o éxodo de titulados ao estranxeiro porque “representa unha perda dun investimento que a sociedade fai na súa formación”. Apostou por actuar para frear a desafección que as cifras de paro causan entre os mozos, “temos que conseguir namorarvos para non perdervos, porque sodes o futuro, pero o futuro vai ser moi esixente con vós, moito máis do que foi coa miña xeración”.

O emprendemento como alternativa

Fernández Alvariño apostou dun xeito decidido polo emprendemento, pola creación de empresas e a recuperación dunha cultura do esforzo e do traballo “xa perdida”. Esta é a vía que os empresarios marcan como alternativa para saír da crise, a creación de novas empresas que xeren emprego, que ofrezan unha alternativa ás novas promocións de titulados das que el foi padriño en algunha ocasión.

Para poder seguir creando empresas e freando o peche das xa existentes, o presidente da CEP demandou unha reforma laboral “que urxe, que facilite a entrada no mercado laboral de novos traballadores” e puntualizou o que o relevante non é “que un emprego sexa para a toda a vida”, senón que exista unha oportunidade de traballar. Lembrou tamén que os empresarios españois demandan esta reforma do mercado laboral dende 2007 e culpou ao gobernos “sexan da cor que sexan” de non telos escoitado, porque "a non actuación das administracións, a omisión, é a verdadeira responsable desta crise”.

Medidas necesarias

Na súa intervención ante un público eminentemente universitario, recomendoulles aos estudantes traballar a súa vocación empresarial e formarse en idiomas “que vos poida abrir camiño”. Pero tamén deixou no ar varias demandas dirixidas especialmente aos gobernos autonómicos e nacional. Por unha banda un “adelgazamento da administración e unha reestruturación da xustiza, “porque unha xustiza lenta non é xustiza” e, por outra, a recuperación da credibilidade “perdida como nación a nivel mundial”.

Finalmente, Fernández Alvariño evidenciou a aposta dos empresariado da provincia pola eurorrexión e pola internacionalización en xeral, “porque o mercado interno xa non dá máis de si”, pero para iso reivindicou un esforzo en infraestruturas para que as empresas poidan saír e buscar alternativas de mercado. Con todo, o presidente da CEP lembroulles aos futuros titulados que no camiño de todos está o fracaso, por iso hai que “aprender a xestionalo” e a saber empregalo para que outros proxecto acaden o éxito pretendido.