DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Confirmouno o conselleiro Fernández Antonio no ciclo de conferencias sobre o desenvolvemento económi

As reformas estruturais e o impulso da economía son os dous eixos da política da Xunta de Galicia para afrontar a crise

A pesar da situación a comunidade galega segue a ter un diferencial positivo de crecemento

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 19/01/2009

O ciclo de conferencias O desenvolvemento económico de Galicia: propostas en tempos de crise chegou este luns á súa fin coa intervención do conselleiro de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, José Ramón Fernández Antonio, quen destacou que “o principal obxectivo do goberno galego é a recuperación económica e o mantemento e a mellora do emprego sen perder de vista o horizonte de reformas estruturais para acadar os niveis de benestar europeos”. Xunto ao conselleiro participaron en este derradeiro relatorio José Carlos Yáñez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; Alberto Vaquero García, secretario da facultade e Santiago Lago, profesor de Economía aplicada. Este último precisou que “o obxectivo deste ciclo era coñecer as propostas dos diferentes partidos políticos para facer fronte a crise” e a xulgar polo nivel de asistencia “tivemos moito éxito con esta iniciativa”. Respecto do conselleiro, Lago describiuno como “unha persoa cunha longa carreira profesional que ten traballado moito no sector privado, polo que posúe unha sensibilidade especial para o diálogo co tecido empresarial”.

Diagnóstico da situación

Para facer “unha boa terapia hai que comezar cun bo diagnóstico da enfermidade”, por ese motivo Fernández Antonio comezou a súa intervención facendo un repaso a situación económica mundial e española. “Atopámonos nun período de recesión con orixe en Estados Unidos que leva a que todas as economías avanzadas teñamos, neste momento, un crecemento negativo”. Dende a II Guerra Mundial “é a primeira vez que se produce unha situación destas características por iso é precisa unha resposta coordinada”. A economía galega non é inmune a realidade internacional, sen embargo está a ter “un mellor comportamento que a nosa contorna”. Galicia é a comunidade autónoma “na que menos creceu o paro no ano 2008, seguimos tendo un diferencial positivo de crecemento que nos permite continuar co obxectivo de converxer coas rexións máis avanzadas de España e Europa”.
Dende os primeiros indicios de debilitamento da actividade económica da nosa comunidade no ano 2008 “o goberno comezou a tomar medidas conxunturais para enfrontarse a crise”, indicou Fernández Antonio. As actuacións por aquel momento dirixíronse “a impulsar a actividade económica a través das obras públicas, atallar as restricións de crédito e a apoiar ao emprego e ás familias en dificultades”.

Terapia de saneamento

“As reformas estruturais e o impulso da economía son os dous eixos da política da Xunta de Galicia, facendo especial fincapé no incremento do emprego”, afirmou o conselleiro. As propostas de futuro oriéntanse cara “o relanzamento da economía galega”. Este obxectivo lograrase a través de políticas baseadas en catro eixos fundamentais: “aumentar a cohesión social e territorial, reforzar a sinerxia entre crecemento e sustentabilidade, facer de Galicia un lugar atractivo para investir e traballar e incrementar a competitividade produtiva a través do coñecemento e a innovación”, explicou Fernández Antonio. Por último, o conselleiro subliñou que “o goberno galego ten un claro modelo de crecemento que se vai a manter durante a crise apoiado polas medidas conxunturais”.
Coa intervención do consellerio de Economía e Facenda finalizou hoxe o ciclo de conferencias O desenvolvemento económico de Galicia: propostas en tempos de crise no que tamén participaron o presidente do PPdG, Alberto Núñez Feijóo e o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal