DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio intervirá este verán no xacemento ourens

De regreso a Armea para sacar á luz a súa cidade castrexa e romana

Un equipo de dez persoas traballará en zonas ata o de agora non escavadas

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 16/07/2014

A localidade de Armea, no concello ourensán de Allariz, destaca pola súa riqueza en restos arqueolóxicos da época castrexa e romana, arredor do século I. Durante os veráns de 2011 e 2012, membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo traballou na descuberta, estudo e posta en valor das estruturas rupestres atopadas en Monte Señoriño. Un equipo de investigadores regresa agora á zona para, nesta ocasión, afondar no coñecemento do seu castro e do seu pasado como cidade primeiro castrexa e logo romana. Durante un mes, dez persoas escavarán por primeira vez espazos inexplorados deste enclave co obxectivo de estudar a evolución da súa ocupación e para recompilar novos vestixios arqueolóxicos. Paralelamente á súa intervención, continuarán os traballos de recuperación da parte do xacemento xa coñecida pero que foi tapada a mediados do século pasado.

“Nos anos 50, Francisco Conde-Valvís escavou o castro de Armea pero volveuno a cubrir por diversos problemas que lle xurdiron. Desde o ano 2011, persoal do Concello de Allariz, coa supervisión dun arqueólogo, traballa na descuberta de novo do que tapara Conde-Valvís. A nosa actuación consistirá en intervir en zonas non escavadas ata o de agora, nin sequera polo propio Conde-Valvís”, explica Adolfo Fernández, director da intervención, que estará financiada polo Concello de Allariz. El é o encargado de dirixir o traballo dun equipo que está formado por Fermín Pérez, como director do proxecto, e varios alumnos en prácticas, bolseiros e voluntarios do eido da arqueoloxía e da historia.

A zona da atalaia, a rúa principal e posibles vivendas castrexas

Concretamente, o equipo do campus de Ourense traballará no espazo non explorado da zona da atalaia do castro, na continuidade da rúa principal tamén do castro, que ten uns tres metros de ancho, e nunha finca próxima de propiedade particular onde os indicios apuntan a que puideran atoparse soterradas antigas casas castrexas de forma circular. “A zona é moi interesante. Tendo en conta os xacementos descubertos por Conde-Valvís sabemos que hai estruturas de casas de máis de un 1,7 metros de altura moi ben conservadas, de muros altos, e rúas moi amplas. O xa descuberto permítenos albiscar o potencial do xacemento”, subliña Fernández.

Segundo explican os responsables do proxecto, os xacementos localizados ata o de agora en Armea apuntan a que o enclave era, debido á súa posición xeográfica estratéxica na zona, unha auténtica cidade, coas súas casas altas, rúas amplas, prazas e demais infraestruturas. “Por exemplo, nas portas do castro atopouse un torso de guerreiro en posición e tamén están as saunas do Forno da Santa, dous elementos que non tiña calquera castro, só os de certa entidade”, comenta o arqueólogo. En total, sinala, podería tratarse dunha extensión dunhas oito ou nove hectáreas de terreo e dunha gran cidade romana de pasado castrexo.

Traballos paralelos

Despois de que os técnicos municipais despexaran nos últimos días a zona onde se vai intervir, e que se atopaba cuberta por vexetación, este mércores o grupo da Universidade de Vigo comezou o seu traballo. Ata mediados de agosto realizará o traballo de campo para posteriormente e ata decembro continuar a investigación no Laboratorio de Arqueoloxía do campus de Ourense, onde os técnicos estudarán os restos atopados e analizarán a información recadada. “Tamén é importante o feito de que poidamos recoller novos vestixios de cultura material. Na zona xa escavada por Conde-Valvís loxicamente non aparecen novos restos nesta segunda apertura e dela só se conservan arredor dun centenar de pezas, cando debería haber moitas máis. Ao intervir agora nunha zona non escavada, en total arredor de 60 ou 70 metros cadrados, agardamos atopar novos elementos de interese”, indica Adolfo Fernández.

A actividade do equipo universitario terá fundamentalmente un carácter investigador, tendo como obxectivo valorar a dimensión do castro e recadar máis datos sobre el que permitan, entre outras cuestións, facer a súa datación e a súa secuencia ocupacional. Será, apunta o responsable da intervención, unha acción paralela á continuidade dos traballos de redescuberta do escavado por Conde-Valvís, traballos que dirixe o arqueólogo David Pérez e que teñen principalmente o obxectivo de valorizar este patrimonio histórico.