DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor e candidato de H2040 presentou en tres centros o seu equipo e liñas programáticas

Reigosa inicia en Pontevedra a campaña electoral sinalando o relevo xeracional como “primeira urxencia” da Universidade

Destacou a súa aposta por unha UVigo igualitaria, internacional e comprometida coa cultura galega

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 19/04/2022

Pontevedra foi este martes o escenario do arranque da campaña das eleccións á Reitoría da Universidade de Vigo, coas xuntanzas que o actual reitor e único candidato, Manuel Reigosa, protagonizou en tres centros do campus. O candidato de H2040 presentou o equipo e as liñas programáticas coas que concorre ás votacións do 4 de maio nunha serie de reunións que iniciou na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde sinalou o relevo xeracional como a “primeira urxencia” á que ten que facer fronte a UVigo no futuro inmediato, á vez que destacou a súa aposta “por unha universidade comprometida coa igualdade e coa lingua e a cultura galegas”, así como con fomentar a súa internacionalización.

Acompañado polas e polos integrantes do que será o seu equipo de goberno no caso de resultar elixido, entre os que se atopa a candidata a vicerreitora do campus de Pontevedra e actual decana de Fisioterapia, Eva María Lantarón, Reigosa mantivo tamén xuntanzas na Facultade de Fisioterapia e na Escola de Enxeñaría Forestal. No acto que puña inicio a campaña, o candidato lembrou que o 4 de maio a súa reelección pasará por “obter máis votos positivos que negativos”. De non acontecer isto, nomearíase un reitor en funcións, “que ten bastante limitadas as súas capacidades” e lembrou que a Consellería de Educación atópase á espera da finalización deste proceso electoral para a negociación do novo mapa de titulacións, na que agarda “poder traer algunha titulación interesante para cada campus”, así como dun plan de infraestruturas de carácter plurianual. 

Facer fronte ao relevo xeracional

No seu percorrido polas diferentes liñas do programa de H2040, Reigosa referiuse en primeiro termo á “urxencia” de promover un relevo xeracional, ante o elevado número de xubilacións, tanto do persoal docente e investigador (PDI) como de administración e servizos (PAS), previsto para os próximos anos. Neste eido, apuntou o “compromiso de seguir dando pasos” para fixar en 240 horas a carga máxima de docencia e anunciou un “plan de estímulo á xubilación”, tanto para PAS como PDI. Reigosa destacou tamén que se adiantará a convocatoria de novas prazas de persoal docente coa idea de que as novas incorporacións “convivan durante un, dous ou tres anos coas persoas que se van xubilar” e anunciou plans de promoción do persoal investigador e do profesorado asociado. Por outra banda, o candidato á reelección sinalou que a futura Ley Orgánica del Sistema Universitario (LOSU) permitirá “ter durante cinco anos unhas figuras semellantes ás que xa tivemos no seu día”, as de PP1 e PP2, persoal non doutor e xa doutor, respectivamente, que combinará as tarefas docentes co seu labor investigador. 

Unha Universidade igualitaria

Xunto coas propostas de H2040 en materia de persoal, docencia, investigación, alumnado, xestión e impulso da formación permanente, Reigosa destacou a súa aposta por “unha universidade comprometida coa igualdade”, aspecto no que salientou os avances acadados ao longo do presente mandato, como a acción positiva para o recoñecemento da produción científica das investigadoras tras a maternidade, que “xa están a avaliar varias universidades”. Como medida “estrela” neste ámbito destacou a proposta de “docencia cero” para as integrantes do PDI tras a baixa de maternidade e a súa redución ao 50% ao ano seguinte, co propósito de que poidan “dedicar os seus esforzos á investigación”. Esta medida, que propón como un “plan piloto”, está motivada por un “estudo da fenda salarial” que permitiu comprobar como a produción científica das investigadoras “cae en picado” tras ter un fillo despois de que “vaia parella durante varios anos” coa dos investigadores, o que, apuntou, “seguramente é a razón pola que temos máis catedráticos que catedráticas”. 

Futuras infraestruturas no campus

No referido ao plan de infraestruturas que negociarán coa Xunta, o candidato lembrou que contan cunha “folla de ruta” na que a “segunda prioridade”, tras a futura sede da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo en Ourense, é a creación dos terreos da antiga Tafisa dun edificio que albergue as futuras facultades de Deseño e Dirección e Xestión Pública. A este respecto, Reigosa recoñeceu ser “optimista” de cara a que o novo Grao en Deseño poida implantase o vindeiro curso nas plantas coas contará a UVigo no edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal.

Por outra banda, explicou que a construción dun novo ximnasio na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte atópanse pendente de obter os permisos necesarios para iniciar as obras. Reigosa referiuse así mesmo ás “discrepancias” xeradas entre este centro e a Facultade de Fisioterapia no referido ao proxecto do novo Máster en Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia, que se atopa actualmente en tramitación e ao que a ACSUG “fixo algunha proposta de modificación que igual permite achegarnos a un consenso”. Neste punto, amosouse “convencido” de que o futuro do campus pasa en parte polas “sinerxías” entre estas dúas facultades e manifestou que “intentaremos ter incluso un dobre grao en Fisioterapia e Ciencias da Actividade Física e do Deporte, que creo que pode captar talento de moitísimo nivel”. 

A campaña trasládase a Vigo

Tras estes encontros, a campaña electoral trasládase mañá mércores ao campus de Vigo, onde o H2040 manterá unha serie de xuntanzas en diferentes centros. Concretamente, está previsto un acto ás 10.00 horas na Facultade de Bioloxía, outro ás 12.00 horas en Química e un terceiro na Facultade de Ciencias do Mar, ás 16.30 horas.