DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A facultade promove unha serie de actividades entre o 22 e o 25 de abril 

O reino Suevo e a Revolución dos Caraveis, na I Semana de Dirección e Xestión Pública

Tamén porá en marcha a comisión que traballará no 25 aniversario destes estudos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 17/04/2024

Creada no ano 2022, a Facultade de Dirección e Xestión Pública non conta cun patrón do centro, senón que mantén como data festiva o 29 de abril, día de Santa Catarina de Siena, patroa da antiga Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, á que se adscribían previamente ás súas titulacións. Mantendo ese día como non lectivo, o centro decidiu dedicar cada curso esta festividade a un persoeiro ou feito histórico do ámbito da xestión e a administración pública. “Cada ano imos ter un patrón distinto, sobre o que vai traballar o alumnado no marco dunha iniciativa de innovación docente”, explica o decano, Enrique Varela, que sinala que a figura escollida para este 2024 foi San Martiño de Dumio. O que fora bispo de Braga e o seu papel no Reino Suevo serán o eixe dunha das propostas inseridas na programación da I Semana de Dirección e Xestión Pública, que se desenvolverá entre o luns 22 e o xoves 25. Nesta programación insírese tamén un seminario sobre a influencia da Revolución dos Caraveis na Transición, a creación da comisión do 25 aniversario dos estudos de Xestión e Administración Pública e unha xornada de actividades deportivas.

A "primeira experiencia político-administrativa" de Europa occidental

O martes 23 será a xornada dedicada a Martiño de Dumio e ao antigo Reino Suevo, que foron previamente abordados polo alumnado de tres materias do primeiro curso do Grao en Dirección e Xestión Pública, no marco dun proxecto de innovación docente. “Aínda que pareza estraño, ten relación directa co noso ámbito, posto que o Reino Suevo foi a primeira experiencia político-administrativa, unha sorte de proto-estado, que se crea en Europa occidental unha vez colapsa o Imperio Romano”, salienta o profesor Xosé Mahou, coordinador desta actividade. Nesa época, engade, Martiño de Dumio foi “un pensador de primeira orde, con escritos filosófico-políticos que tiveron unha ampla difusión e recoñecemento”, como Formula Vitae Honesta, “unha especie de manual do bo gobernante que escribe para o rei Miro”.

Coa idea de dar a coñecer esta figura e época, "que son moi descoñecidos”, a actividade ábrese ás 11.00 horas coa presentación por parte do alumnado dos paneis nos que recolleron os resultados do seu traballo. Unha hora máis tarde terá lugar a conferencia O Reino Suevo en tempos de Martiño de Dumio, a cargo “dun dos máximos expertos na Idade Media Galega”, o catedrático de Historia no ensino secundario Anselmo López Carreira. Aberto ao público, este relatorio poderá seguirse tanto de xeito presencial, como de forma virtual a través de Campus Remoto.

Da Revolución dos Caraveis á preparación do 25 aniversario

O mércores 24, un día antes do 50 aniversario da Revolución dos Caraveis, terá lugar un seminario sobre a influencia en España do levantamento que rematou, en 1974, coa ditadura do Estado Novo Portugués. “O que se pretende é, de xeito moi sinxelo, dar a coñecer cal era a situación en Portugal antes do 25 de abril”, sinala o profesor Fernando Martínez, coordinador desta actividade do grupo de invesigación Observatorio da Gobernanza G3, programada para as 13.00 horas, e que poderá seguirse tamén tanto de xeito presencial, na sala de xuntas, como virtual. O seminario abrirase pondo o foco no cambio que supuxo para Portugal este “cambio revolucionario non violento que nace desde sectores das propias forzas armadas”, para logo afondar nos seus efectos en España. “A Revolución dos Caraveis supuxo un estímulo para os sectores máis aperturistas e para a oposición democrática nos últimos momentos do franquismo”, engade nese senso Martínez, que buscará afondar en cuestións como a aparición en España da Unión Militar Democrática (UMD), "inspirados no papel asumido polos militares en Portugal". 

Previamente, o luns 22, terá lugar a constitución e primeira reunión da comisión responsable de preparar a celebración do 25 aniversario da implantación, en 1999, do estudos que precederon ao actual grao, a diplomatura de Xestión e Administración Pública. “O obxectivo é traballar nunha programación de actividades ao longo do curso que vén”, apunta Varela. Finalmente, esta semana pecharase o xoves 25 no Pavillón Universitario coas OlimpíadasDXP, unha serie de actividades deportivas nas que participará profesorado e alumnado do centro.