DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun relatorio sobre o EEES no Edificio Xurídico-Empresarial

O reitor, Alberto Gago, desminte que o Plan Boloña supoña a privatización ou depreciación dos estudos universitarios

Xunto coas vicerreitoras Carmen García Mateo e Mª del Carmen Cabeza

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 20/01/2009

A universidade atópase nun período de cambio e son moitas as dúbidas que xorden ao respecto. Para tratar de aclarar estas cuestións o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, está a ofrecer nos tres campus unha serie de relatorios para afondar e explicar as consecuencias a vantaxes do proceso de adaptación europe. Este martes foi a quenda do Edificio Xurídico-Empresarial, que acolleu a charla informativa, destinada principalmente aos estudantes. A conferencia, Implicacións de implantación dos títulos de grao, na que tamén participaron Carmen García Mateo, vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea e Carmen Cabeza Pereiro, vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, serviu para aclarar cales son “as claves para entender o Plan Boloña e distinguir o que non forma parte deste proceso”, indicou Gago. Existe neste momento un debate social xerado ao redor deste tema, por iso “é preciso explicar en que consiste, pero tamén estamos aquí para escoitar as inquedanzas dos centros”, comentou o reitor; e todo isto sempre co obxectivo “de defender a universidade pública española”.
Para José Carlos Yáñez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, “este é un cambio dentro da estrutura da educación universitaria que se ten que facer con coñecemento”, porque ás veces “un sorpréndese dos comentarios que se escoitan que non teñen fundamento ningún”.

Claves do EEES

A adaptación ao Plan Boloña é un proceso que “se ven demorando dende hai case dez anos e que pretende a creación dun espazo común na educación universitaria”, explicou García Mateo. Un total de 46 estados asinaron este acordo “pero non falamos de que todos os sistemas sexan iguais, senón recoñecibles entre si para permitir a mobilidade dos estudantes e graduados”. Neste novo sistema, as ensinanzas de primeiro e segundo ciclo, diplomaturas e licenciaturas, “pasan a ser graos de catro anos de duración”; mentres que o terceiro ciclo “convértese en posgrao dividido en dúas opcións: o máster profesional e o de investigación”, proseguiu García.
Esta situación, que xa é inminente, supón que o alumno vai a ser o eixo do proceso de aprendizaxe, “coa aplicación dos créditos ECTS, a unidade común que medirá o esforzo que os alumnos teñen que adicar a esa titulación”. Por outra banda ao ter sistemas educativos compatibles facilitarase a mobilidade e “o recoñecemento efectivo das cualificacións académicas e profesionais”.
Para adaptarse progresivamente a esta situación, a Universidade de Vigo ten previsto un calendario de acordo ao cal “no vindeiro curso 2009-2010 impartiranse 24 títulos de grao e xa no 2010-2011 remataremos co resto”, concluíu García Mateo.

O que non é o Plan Boloña

Alberto Gago adicou a súa intervención a explicar o que non significa o Plan Boloña. Dende alguns sectores apuntan que este proceso suporá a privatización ou mercantilización da educación, sen embargo “non hai ningún dato que permita afirmar isto, o que si existe é unha importante relación entre a universidade e as empresas, pero isto é positivo senón esquecemos que lugar debe ocupar cada un”. A colaboración da Universidade de Vigo co mundo empresarial baséase en “400 convenios de prácticas, as participacións en mestrados, as cátedras externas e os proxectos e contratos de I+D+i”, explicou Gago, “e dende logo son un beneficio para nós”. No tocante á depreciación do ensino, “os cambios non supoñen un empeoramento da educación senón todo o contrario”. Así, Gago subliñou que aspira a un EEES “de calidade, aberto ao mundo, ben financiado, sen exclusións sociais nin económicas e sen reservas intelectuais”.