DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato salientou a importancia de compatibilizar deporte e formación

O reitor anima ao equipo español a "ir a por todas" no Mundial Universitario de Taekwondo

Rebeca Mariño e Fernando Rascado contan con boas expectativas para conseguir unha medalla

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Sara Alcázar DUVI 02/07/2010
Co desexo de que “todo saia ben” e o ánimo de “ir a por todas” no Mundial Universitario de Taekwondo, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, trasladou aos deportistas españois o seu apoio e desexoulles sorte para as vindeiras citas da competición, durante a súa visita este venres ao equipo nacional no pavillón das Travesas.

Neste encontro, Mato interesouse polo estado físico e anímico dos taekwondistas españois, que xa acumulan catro medallas de ouro e unha de prata no que vai de mundial e tamén polas expectativas dos representantes da Universidade na competición, Rebeca Mariño e Fernando Rascado, que manifestaron estar preparados e con boas expectativas para conseguir unha medalla, “co valor engadido de poder facelo na casa” sinalaron os deportistas.

Así mesmo, o reitor amosouse moi satisfeito coa organización por parte da Universidade e o Concello, “dunha cita deportiva destas características na que marcamos hitos e récords”, unha valoración que tamén compartiu o presidente da Federación Española de Taekwondo, Jesús Castellanos, que transmitiu ao reitor os seus parabéns por acoller o Mundial Universitario de Taekwondo “que rexistrou a máxima participación da súa historia”. Ademais, Castellanos gabou a “excelente valoración” obtida pola organización do Forum FISU - un 4,25 sobre 5 – celebrado a pasada semana na cidade, e sinalou a importancia da internacionalidade deste tipo de eventos, “cuxa organización non é doada”, pero que tanto Universidade como Concello levan a cabo “con nota”.

Compatibilizar deporte e estudos, unha prioridade

Salustiano Mato aproveitou o seu encontro cos deportistas españois para lembrarlles a importancia de compatibilizar os estudos e o deporte sen deixar de lado ningunha das dúas actividades, “algo que a partir de agora será máis doado grazas á implantación do Plan Boloña, que supón unha valoración diferente da aprendizaxe e brinda aos deportistas moitas oportunidades”.

Nesta liña, Mato subliñou a implicación da Universidade nesta materia posto que, tal e como manifestou, “eu son deportista e sempre o fun e coñezo de primeira man as dificultades de compaxinar o deporte e a formación, que antes era moi ríxida”.

Pola súa banda, a xefa de Expedición do equipo español e representante do Consello Superior de Deportes, Sagrario Aguado, transmitiulle ao reitor a importancia de traballar conxuntamente e demandou a axuda da Universidade “para animar aos mozos e mozas que desexen dedicar parte do seu tempo á práctica dalgún deporte e poidan complementalo coa súa formación, posto que a combinación de ambas cousas é algo excelente e fundamental para o desenvolvemento das persoas” sinalou Aguado.

Os taekwondistas da Universidade irán “a polo ouro” este domingo

Os representantes da Universidade de Vigo, Fernando Rascado e Rebeca Mariño, agardan con certa impaciencia a súa cita na competición o vindeiro domingo, na que teñen a convicción de “ir a polo ouro” a pesar de enfrontarse ante algúns dos seus rivais “máis potentes” indica Mariño.

A taekwondista, que competirá na categoría feminina de -53 quilos, enfrontarase en primeiro lugar coa representante de Turquía, unha das contrincantes máis duras do mundial e que supón “un comezo forte con combates moi difíciles” apunta Mariño. Aínda así, a representante da Universidade neste mundial conserva as súas esperanzas de vencer á taekwondista turca e, neste caso, pasaría á seguinte fase onde se vería as caras coas representantes de Canadá ou Estados Unidos e finalmente, se logra chegar ás semifinais, atoparíase con outra dura rival, a de China Taipei, “coa que xa estiven a punto de acadar o ouro o ano pasado, pero finalmente venceu”, explica Mariño, que espera ter mellor sorte nesta ocasión.

Pola súa banda, Fernando Rascado, na categoría masculina inferior a 80 quilos, terá a Brasil como primeiro rival a vencer, tras o cal lle tocaría enfrontarse ao representante de Australia ou de Estados Unidos. Pero o “prato forte” nos combates de Rascado terá lugar na semifinal, posto que no caso de chegar a este nivel, terá que verse as caras cos taekwondistas de Korea, Turquía e Irán. “Son uns rivais moi duros, pero unha vez chegado ata aí irei a por todas e loitarei polo ouro para conseguir unha medalla na casa” afirma Rascado.