DUVI

Diario da Universidade de Vigo

“Formación, investigación e talento son os camiños polos que queremos transitar”, dixo Gago

O reitor apela ao orgullo de estar vinculado a unha universidade que progresa e é respectada a pesar da súa xuventude

Exhortou aos presentes a xestionar con intelixencia o patrimonio material e inmaterial

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 30/01/2009

O reitor Alberto Gago que comezou a súa alocución recoñecendo o traballo desenvolvido polos estudantes galardoados, retomou a continuación o fío condutor da intervención do catedrático Moreno Cabrera para asegurar que “esta Universidade quere cumprir o seu papel de depositaria do saber, da cultura e da lingua”. Así, Gago exhortou aos presentes a facer unha xestión intelixente e eficiente do noso Patrimonio Material e Inmaterial, “conservando todo o que poidamos dun xeito amable e considerado e expliquémoslles aos nosos fillos o que estamos a gañar”.
Co obxectivo de que os galardoados “sintan o orgullo de ter estado vinculados a unha Universidade que progresa e consegue o respecto dos seus pares, a pesar da súa xuventude”, o reitor repasou algúns datos significativos da institución nos últimos meses. Tal é o caso da presenza da Universidade de Vigo entre o grupo de 25 universidades españolas que figuran, segundo o Ranking Web de Universidades do Mundo elaborado polo Laboratorio de Cibermetría do CSIC, entre as 500 primeiras do mundo. Ou mesmo o posto 237 no Raking de Calidade das Universidades Europeas publicado pola Universidade de Leiden e que mide o número e o impacto das publicacións nas revistas científicas máis relevantes durante o período 2003-2007. Xa por último o reitor lembrou que a Universidade de Vigo ocupa o posto 17 das 73 universidades españolas no Ranking de Doutoramento de Calidade pasando no último bienio de 5 programas de doutoramento de calidade a 15.
“En pouco tempo, esta Universidade xove, nacida en 1990, pasou a formar parte do grupo de clase media que disputa os lugares de privilexio actualmente ocupados polas universidades históricas do sistema universitario español”, sinalou Gago que lembrou aos estudantes galardoados que “formades parte dunha historia breve, pero honrosa e ilusionante. E podedes sentirvos orgullosos diso”.

Implantación dos novos títulos e consolidación de investigadores, retos de futuro

Entre os retos pendentes da institución o reitor da Universidade de Vigo sinalou o proceso de implantación dos novos títulos de grao e posgrao “un proceso no que está en xogo a modernización e a calidade da nosa oferta docente”. Definidos a formación, a investigación e o talento como “os camiños de futuro polos que queremos transitar”, o reitor lembrou que a Universidade ten en vigor un programa propio de consolidación de doutores, captados en programas de ámbito internacional “que nos permitirá consolidar 50 novos investigadores a finais de 2010”. Precisamente Gago invitou “aos nosos mellores titulados e tituladas” a incorporarse á carreira científica neste país e asegurou que “esta Universidade seguirá interesada en quedar cos mellores, con aqueles de vós que asumades como obxectivo vital o descubrimento dos misterios insondables do mundo no que vivimos”.
O discurso do reitor rematou co rogo aos premiados de que non esquezan o seu paso pola Universidade e estean dispostos a manter sempre a condición de universitarios, “o que significa asumir como código ético os valores, as conviccións, as actitudes e os modos que corresponden a unha vida intelectualmente rica, aberta ao mundo e respectuosa cos demais”.

Discurso íntegro do reitor