DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No primeiro encontro co alcalde de Ourense, Mato avogou pola alianza entre as institucións

O reitor avanza a creación dun centro singular de investigación aproveitando as capacidades da ESE Informática

Francisco Rodríguez incidiu na necesidade de continuar na senda da integración

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría  DUVI 27/07/2010

A creación dun centro singular de investigación que aproveite as capacidades da Escola Superior de Enxeñaría Informática, foi unha das actuacións avanzadas este martes polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, tras o primeiro encontro institucional co alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez. O reitor que asegurou que nese centro “o software libre sería un área transversal que formaría parte del”, sinalou que serían os especialistas os que determinarían a denominación definitiva do centro ao que se referiu como Informatic Center. Na reunión celebrada este martes no Concello de Ourense e na que tamén participaron as vicerreitoras do campus, María Lameiras e de Investigación e Transferencia, María Victoria Jato, o alcalde e o reitor coincidiron na necesidade de que ambas institucións continúen a traballar xuntas para “afondar na integración da Universidade na cidade urbanística e socialmente”, dixo Rodríguez, nun momento, segundo sinalou o reitor “especialmente axeitado para a cooperación e a alianza”. O alcalde que apostou por que ambas institucións continúen avanzando na senda da colaboración “na que se deron pasos, pero aínda queda moito por facer”, desexouse ao reitor o maior éxito “que será tamén o noso, o de Ourense”.

Firme aposta polo software libre e por un CITI ao servizo do tecido empresarial

A informática foi xunto ao medio ambiente ou o termalismo, un dos elementos singulares do campus de Ourense ao que se referiu o reitor da Universidade de Vigo que asegurou que o “crecemento da Universidade é o da cidade e nós queremos crecer dando alento á cidade”. Ademais de confirmar a continuidade da oficina de software libre coa que conta o campus na actualidade, cun responsable vinculado ao convenio que a Universidade asinou coa Xunta de Galicia, Mato referiuse á creación “coas capacidades da Escola Superior de Enxeñaría Informática “, dun centro singular de investigación dentro do que o software libre como área transversal “ten que formar parte”. Deste xeito ,segundo o reitor, se fai estrutural aquilo que era parte ata o de agora do cadro directivo do goberno.
Na súa comparecencia ante os medios, posterior a reunión co alcalde, o reitor da Universidade de Vigo tamén confirmou que coa nova reestruturación de cargos académicos que ven de aprobar o Consello de Goberno, a dirección do CITI pasa a ser competencia da Vicerreitoría de Investigación e Transferencia do campus de Ourense. En relación coa función do centro, Mato destacou a necesidade de “correlacionar as capacidades dos seus investigadores coas demandas do tecido empresarial de Ourense e de Galicia e ser quen de solucionar problemas e asinar contratos e acordos con empresas”.

Aposta total polo proxecto de Patxi Mangado

Salustiano Mato confirmou hoxe a súa aposta total polo proxecto do arquitecto Patxi Mangado para integrar o campus na cidade. “Non renunciamos a nada”, dixo Mato sobre o proxecto que “mergulla e integra ao campus na cidade”, aínda que sinalou que se avanzará “á velocidade que nos permitan os tempos”. O reitor destacou que se trata dun proxecto que conta co aplauso de toda a Universidade e as institucións e a sociedade que tamén se beneficia de actuacións vinculadas ao campus como a piscina, a biblioteca ou as instalacións deportivas. “Imos intentar integrar elementos novos como o Museo de Historia Natural”, dixo Mato “ que é un elemento para a Universidade, pero tamén para a cidade”.

A partir de setembro, comisión mixta de traballo

Coa finalidade de continuar avanzando na colaboración que ambas institución manteñen, o alcalde e o reitor, confirmaron que no mes de setembro quedará constituída unha comisión mixta a través da que se canalizarán os proxectos comúns. “ A partir de setembro”, dixo Francisco Rodríguez, “buscaremos fórmulas de traballo conxunto”, como resposta a unha necesidade de traballo conxunto que se insire nun proceso de integración “no que se deron pasos, pero aínda falta moito”. Unha opinión compartida polo reitor que manifestou a súa intención de “achegar valor engadido ao talento e recursos que existen en Ourense”, ao que engadiu que “aquí temos todo por facer”. O autoemprego ou o emprendemento foron algúns dos temas nos que Mato avanzou posibles actuacións que interesan a ambas institucións e que se insiren dentro das singularidades do campus ourensán.