DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha sesión extraordinaria na que se aprobou a liquidación definitiva das contas de 2022

O reitor defende en Consello de Goberno a “boa saúde económica” da Universidade de Vigo

Durante a sesión tamén se deu luz verde á arquitectura de gobernanza do Campus da Auga

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Investigación
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 26/06/2023

“A situación económica da Universidade de Vigo é francamente boa”. Así se expresou o reitor, Manuel Reigosa, no Consello de Goberno Extraordinario convocado para este luns, unha sesión na que se aprobou por ampla maioría -36 votos a favor, dous en contra e tres en blanco- a conta de liquidación definitiva do ano 2022 para a súa elevación ao Consello Social, que se reunirá en Pontevedra este mesmo venres, e como paso previo á súa remisión á Xunta de Galicia. Foi o punto central dunha sesión na que tamén se deu o visto e prace ao novo esquema de gobernanza do Campus da Auga que, segundo expuxo o reitor, “simplifica” o vixente ata a actualidade.

Ollada ás políticas económicas dos últimos catro anos

O vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez Tabarés, foi o encargado de presentar a conta anual do ano pasado, contas que, tal e como explicou, foron sometidas a auditoría pública. Fixo mención na súa intervención ao balance da situación a 31 de decembro de 2022, á conta do resultado económico patrimonial, ao estado de cambios no patrimonio, ao estado de fluxos de efectivo, xunto co estado de liquidación do orzamento e á memoria. Segundo o exposto, o orzamento definitivo de ingresos da UVigo acadou os 214 millóns de euros, o que supón un 8,05% máis que a cifra inicialmente estimada, unha porcentaxe algo menor da que se producira no 2021 (9,44%), claro indicador, a xuízo de Míguez, de que as contas están cada vez máis axustadas.  Por outra banda, tamén se explicou que as modificacións orzamentarias do ano 2022 sufriron un ascenso debido á maior incorporación de remanentes dos proxectos de investigación e á xeración de créditos pola consecución de fondos alleos, sobre todo derivados dos Fondos Next Generation. En canto ao nivel de endebedamento, o vicerreitor indicou que é “moi baixo” e ten tendencia decrecente, estando constituído exclusivamente polos anticipos reembolsables concedidos pola Administración central e autonómica para financiar a realización de investimentos, sen que teña débeda  financeira.

Tras a intervención do vicerreitor, a profesora Coral del Río, en nome de Nós Universidade, amosou a inquedanza deste colectivo pola situación económica da institución académica viguesa, xa que, segundo foi argumentando, a partir de 2018 os remanentes de tesourería dispoñibles, “os aforros acumulados da UVigo”, estanse a reducir, desde o seu punto de vista “de maneira alarmante, pasando de 38 millóns de euros no 2018 a pouco máis de 7 millóns a día de hoxe”. Neste sentido indicou que “o noso voto será negativo porque non estamos de acordo coa política de gasto levado a cabo por este equipo”, subliñou a docente, quen pediu explicacións sobre as acción ás que se destinaron estes fondos.

Encargouse de responderllo o reitor, Manuel Reigosa, quen, se ben fixo fincapé en que o que se votaba nesta sesión  “non son as políticas de goberno deste equipo, senón simplemente a conta de liquidación definitiva do 2022 para o seu trámite no Consello Social, é dicir, se as contas deste exercicio son un reflexo fidedigno do que se fixo economicamente durante ese ano”. Dito isto e tras amosar a súa “total tranquilidade” sobre a situación económica da Universidade de Vigo, o reitor explicou as políticas económicas seguidas no período 2018-2022, explicación que iniciou lembrando que o incremento para o capítulo 1 foi de preto de 20 millóns de euros, pasando de 102 a 122 millóns de euros, incremento que, segundo foi explicando, pasou pola baixada da docencia a 260 horas, o baleirado da bolsa de catedráticos e titulares, distintas convocatorias de contratados e axudantes doutores, captación de talento novo, axuste salarial de figuras predoutorais, pago íntegro de complemento específico das pagas extras, recoñecemento de quinquenios e sexenios aos axudantes doutores e recoñecemento progresivo de antigüidade ao persoal investigador, proceso de funcionarización do PAS laboral, etc. “A partires deste curso tamén compre engadir o custe da docencia cero durante un ano e docencia do 50% durante o seguinte ano da acción positiva para mulleres que regresen do permiso de maternidade, unha cuestión que non se inclúe no cómputo actual xa que se trata dunha medida nova”, salientou Reigosa.

Ao respecto da cifra estimada de remanente de libre disposición, Reigosa explicou aos membros de Consello de Goberno que 7 millóns “é a cifra que xa figura nos orzamentos de 2023, a finais de 2022”, pero que a isto habería que sumar 5,2 cobrados en xaneiro deste ano relativos a infraestruturas de 2018; 2,8 que lle debe á Universidade o Ministerio de  Infraestruturas do 2019; 6,2 que ten pendente de ingresar da Xunta relativos ao convenio de I+D e máis de 14 millóns que se agardan cobrar da Axencia Tributaria pola prorrata do IVE. “En total estamos a falar dun remanente de en torno a 36 millóns de euros”, recalcou Reigosa, xusto antes de someter a votación a conta de liquidación.

Unha gobernanza “máis sinxela” para o Campus Auga 

Noutro punto da orde do día aprobouse por asentimento a proposta dunha nova gobernanza para o Campus Auga que foi exposta polo reitor nunha sesión á que asistiu por primeira vez o novo vicerreitor do campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez Rajo. Manuel Reigosa explicou que no marco do proceso de acreditación do campus de especialización Campus Auga, “chegou a que se chama a avaliación intermedia e nela fannos unha serie de propostas”. Atendendo a estas propostas, dixo, fixéronse unha serie de modificacións no modelo de gobernanza que xa obtiveron o visto bo dos comités do Campus Auga e que este luns se someteron á súa aprobación por parte do Consello de Goberno para darlle “máis fortaleza”. Cos cambios realizados, o reitor dixo que “a organización do Campus Auga queda moito máis sinxela do que tiñamos” e amosouse “moi optimistas en canto a que poidamos presentar esta nova redacción o vindeiro mes e teñamos a aprobación da acreditación do Campus Auga o máis cedo posible”.  

A gobernanza do Campus Auga pasa a estar formada por un consello reitor, encargado das “macrodecisións”, composto polo correspondente reitor ou reitora da UVigo; as ou os vicerreitores do campus de Ourense e de Investigación; un representante do Consello Social da UVigo (preferiblemente do sector empresarial) e o director ou directora do Campus Auga. Para “o traballo do día a día”, está o comité de dirección, composto polo director ou directora do Campus Auga, catro vogais (un por cada unha das áreas de traballo: Investigación, Docencia, Internacionalización e Transferencia e Emprendemento) e unha secretaria ou secretario técnico. 
 
A estrutura deste proxecto de especialización tamén contempla dous comités consultivos. No primeiro deles, o comité consultivo socio-empresarial, destinado “a traballar coa contorna”, participan o Clúster Alimentario de Galicia, o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular e o Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia; as empresas Grupo Coren, Bodegas Galegas, Viaqua, Valtalia, Augas de Sousas e Grupo Caldaria e, polo sector público, o Inorde (Deputación de Ourense), Augas de Galicia (Xunta de Galicia), a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Asociación Aquavalor. Por último, o comité consultivo de persoas externas, formado por persoal investigador destacado, conta con Lilian Bouçada de Barrros (Instituto Politécnico de Bragança, Portugal), Seid Mahdi Jafari (Gorgan University of Agricultural Sciences and Natural Resources, Irán), Ana Rodríguez (Kings College London, Reino Unido), Ricardo M. Trigo (Universidade de Lisboa), Mira Petrovic (Institut Català de Recerca de l´Aigua), Sergio M. Vicente Serrano (Instituto Pirenaico de Ecología-CSIC), Francesco Sindico (University of Strathclyde Glasgow), Mª Teresa Navarro (Universidad de Murcia-Cátedra del Agua), Víctor Vázquez (Banco Mundial) e Juan J. Gestal e Juan M. Lema (ambos da Universidade de Santiago de Compostela).  

Outros temas

Xunto con estas dúas cuestións, a sesión extraordinaria do Consello de Goberno deu tamén o seu viste e prace a unha solicitude de incorporación con cargo ao remanente de libre disposición do exercicio 2022 para a realización dun programa de investigación a través do Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades, para o seu trámite tamén no Consello Social deste venres.