DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Gabou ao campus de Ourense “como un exemplo a seguir para o Sistema Universitario"

O reitor pide á Xunta a concreción dun Plan de Financiamento con fondos en función de resultados

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Mª Carmen Echevarría DUVI 23/09/2010
Ourense
Como un curso “con expectativas de signo diferente, en parte animosas, en parte inquietantes” definiu o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, o ano académico que este venres foi inaugurado no campus de Ourense. No seu primeiro discurso de apertura de curso como reitor da Universidade de Vigo, Mato manifestou a súa preocupación polas consecuencias que a crise económica global están a ter no Sistema Universitario Galego, “que no caso da Universidade de Vigo se traduciron nunha redución de seis millón de euros nos orzamentos do ano 2010” asegurou, e demandou á Xunta de Galicia a concreción dun Plan de Financiamento para o período 2011-2015. Un modelo de financiamento no que ademais de que volume total de subvención aspire a acadar a media das universidades españolas, se fomente un modelo de contrato programa por obxectivos de xeito que as universidades reciban fondos en función de resultados. “Non pedimos financiamento a fondo perdido, senón que se primen os resultados, no só os académicos, senón tamén os produtivos”, puntualizou o reitor.

Mato reclamou tamén na súa alocución que nos Orzamentos Xerais do Estado para 2011 o investimento en I+D+i sexa unha prioridade. “Non podemos deixar de investir en I+D se realmente queremos cambiar o noso modelo produtivo e facer do coñecemento a base do noso futuro, porque cada euro que se destina a investigación xera PIB, emprego e ingresos”, afirmou o reitor. Neste sentido Mato asegurou que as institucións académicas son “un investimento e non un gasto. Un investimento que reporta beneficios que axudan a saír da crise”. Considera Mato que o sistema universitario debe ser considerado polos gobernantes un obxectivo estratéxico para desenvolver Galicia, ao tempo que asegurou que “desde a Universidade de Vigo estamos dispostos a botar unha man a quen nola solicite para camiñar por esta senda”.

Campus do Mar será una realidade

Referencia expresa realizou na súa intervención o reitor ao proxecto do Campus do Mar, “a maior agregación estratéxica de I+D de investigación mariña de España e unha das maiores de Europa que nos levará á excelencia a través da xestión da intelixencia”, destacou. O proxecto liderado pola Universidade de Vigo e conta coa participación das universidades de A Coruña e Santiago de Compostela e dos organismos públicos de investigación de España, Galicia e do Norte de Portugal, lembrou o reitor “permitirá nuclear a toda a sociedade en torno ao seu potencial docente e investigador no ámbito do mar, cun forte compoñente transfronteirizo, proxectándose de forma moi particular cara a América Latina, África e Asia”.

Cara a avaliación á que o proxecto será sometido por parte dunha comisión internacional o vindeiro mes de outubro para determinar a súa excelencia internacional, o reitor manifestou as súas expectativas en que “sexan recoñecidos os seus valores” e asegurou que con independencia do resultado final que se acade na convocatoria “Campus do Mar será unha realidade que dá resposta á reclamación de Galicia e o Norte de Portugal, que demandan ao unísono a excelencia como unha fórmula vital para o progreso da humanidade”.

Firme aposta pola consolidación e crecemento do campus de Ourense

O campus de Ourense centrou boa parte da intervención do reitor da Universidade de Vigo que comezou por destacar a implantación este curso de tres novas titulacións de grao en Enxeñaría Agrícola; en Ciencias Ambientais e en Consultoría e Xestión da Información. “Tres titulacións que sumadas ás xa existentes”, dixo Mato, “configuran unha oferta atractiva que sen embargo debe seguir mellorando para dar resposta ás demandas da sociedade ourensá e galega”.

O reitor sinalou á informática, o termalismos, o turismo, o medio ambiente e a innovación social como elementos singulares polos que a Universidade de Vigo aposta para a consolidación e o crecemento do campus de Ourense, “en total harmonía coa cidade e a provincia”. Como proba dese desenvolvemento en paralelo o reitor citou o proxecto do arquitecto Patxi Mangado para integrar o campus na cidade.
Mato tamén fixo referencia a outras infraestruturas que neste curso serán una realidade no campus ourensán como as pistas deportivas e o campo de rubgy e a outras que se poñerán en servizo no próximo como a escola infantil que cualificou de “peza fundamental para dar resposta á tan necesaria conciliación da vida familiar e laboral dos nosos membros”.

Actuacións previstas nos campus de Pontevedra e Vigo

As infraestruturas previstas nos campus de Pontevedra e Vigo foi outro dos asuntos que o reitor abordou no seu discurso. No caso do campus pontevedrés Mato lembrou a posta en servizo da escola infantil o vindeiro mes de xaneiro e confirmou o inicio de obras de urbanización con axardinamentos, acondicionamento de viais e accesibilidade. Así mesmo manifestou a súa expectativa de que este curso sexa o definitivo para desatascar as barreiras do Edificio das Artes, así como a posta en servizo da residencia de estudantes.

Xa no campus de Vigo, Mato, confirmou que ademais de continuar coas obras de adaptación das instalacións docentes ás esixencias do Espazo Europeo de Educación Superior, iniciaranse as obras de construción da escola infantil e rematase o novo CACTI e iniciarase a construción do Centro de Investigación Biomédica, Cinbio.

Importancia das colaboracións e chamamento á ilusión

O reitor rematou a súa intervención agradecendo a colaboración prestada polo Concello, a Deputación e o sector empresarial ourensán á Universidade de Vigo ao longo dos anos e pediu o apoio de todas as institucións para “seguir trasladándolle ilusión a un Sistema Universitario que nos últimos anos foi quen de poñer en marcha un profundo proceso de renovación e de captar moitos recursos para Galicia”.

Tras manifestar o seu compromiso para esforzo para acadar unha maior estabilización laboral, sobre todo do persoal investigador, “porque non se pode desperdiciar unha gota de talento”, Mato animou a toda a comunidade universitaria a seguir traballando na mesma liña que nos últimos anos e felicitou aos integrantes do campus ourensán que “día a día se afianza como un exemplo a seguir para o Sistema Universitario de Galicia”, asegurou.

Discurso do reitor, Salustiano Mato