DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato foi o convidado do Club Cultural Gamboa

O reitor presenta á Universidade como motor de desenvolvemento da súa contorna

Fixo un percorrido polas fortalezas e retos da institución viguesa

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 08/11/2011

A sociedade demanda que as universidades sexan un motor de desenvolvemento da súa contorna, un protagonista na busca de solucións. A Universidade de Vigo non se agacha e, en tempo de crise, dá a cara como fábrica de resposta aos problemas de Vigo, Pontevedra e Ourense e de Galicia en xeral. O reitor vigués, Salustiano Mato, defendeu esta vocación de colaboración e de responsabilidade social da institución que dirixe na súa intervención como convidado no Club Cultural Gamboa.

Mato ofreceu aos asistentes unha radiografía da Universidade, das súas cifras, dos estudos que ofrece, das súas fortalezas e dos retos de futuro que se lle presentan. O Campus do Mar, como sinal distintivo que é, vertebrou a intervención do reitor, algo máis dun ano despois da selección do proxecto como Campus de Excelencia Internacional. Salientou no seu relatorio o carácter transfronteirizo do proxecto e o seu punto de vista multidiscilplinar, porque “o mar conta cun potencial infinito” e, ao seu arredor investigadores e investigadoras “formarán paseniño a maior agregación estratéxica de I+D de investigación mariña de España e unha das maiores de Europa”. Polo de agora, a excelencia do Campus do Mar xa abandeira o traballo de 3000 expertos de Galicia e do norte de Portugal.

A internacionalización e a excelencia

Se dous eidos está potenciando a Universidade de Vigo para consolidarse no panorama universitario estatal e europeo, eses son a internacionalización e a excelencia. En ambos empeños xoga un papel destacado o Campus do Mar, pero non é unha protagonista exclusivo. O reitor salientou que na estratexia de internacionalización da institución a mobilidade de alumnado, PDI e PAS é primordial, “así como a dimensión europea e internacional das nosas titulacións”.

Por outra banda, no que a recoñecemento da calidade se refire, Mato enumerou os resultados positivo acadados nos últimos meses que sitúan á Universidade de Vigo en prestixiosos ranking e a sitúan nunha situación vantaxosa para captar alumnos estranxeiros. Así, destacou que a institución “conseguiu, por primeira vez na súa historia, aparecer no Shangai Ranking entre as cincocentas mellores universidades do mundo. O II Ranking ISI das universidades españolas situounos como a segunda do panorama nacional en estudos de enxeñaría química, só por detrás da Politécnica de Valencia, e en terceira posición en Ciencias dos Materiais, só por detrás das universidades de Barcelona e a Complutense de Madrid”. Referiuse tamén o reitor ás 20 Mencións cara a Excelencia para os doutoramentos que outorgou o Ministerio, e que sitúan a Vigo no décimo primeiro posto a nivel estatal e á cabeza do Sistema Universitario de Galicia.

Finalmente, Salustiano Mato quixo destacar o proximidade da Universidade coa súa contorna, co tecido produtivo, empresarial e social e a implicación da mesma na procura de emprego por parte dos seus egresados. Neste sentido, lembrou os máis de 10.000 convenios asinados con empresas e institucións para a realización de prácticas pre-profesionais, das que se benefician 3 de cada 4 estudantes da Universidade. O obxectivo neste eido, subliñou, “está en acadar o 100%”.

Pechou a súa intervención remarcando o fondo proceso de especialización que se trata de levar a cabo en cada un dos campus, cunha vertente tecnolóxica e mariña en Vigo, o Campus da Auga en Ourense e unha Pontevedra centrada nos eidos forestal, creativo e deportivo.Todos estes esforzos por achegarse á contorna permiten que a institución académica se consolidade como unha fábrica de solucións que “xera desenvolvemento e cultura, emprende e internacionaliza; velaí está o norte dunha Universidade como a nosa”, concluíu Mato.