DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato foi recibido en Monte Pío por Alberto Núñez Feijóo

O reitor e o presidente da Xunta analizan nun encontro os principais proxectos da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 07/07/2010

Dúas semanas despois da súa toma de posesión como reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, foi recibido este martes polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. No encontro celebrado nas últimas horas o reitor da Universidade de Vigo tivo ocasión de trasladarlle ao presidente da Xunta algunhas das cuestións que Mato considera prioritarias na relación entre a institución académica viguesa e o Goberno galego.

Así, a necesidade de fomentar un contrato programa por obxectivos de xeito que as universidades reciban fondos en función de resultados e o apoio á candidatura presentada pola Universidade para que o Campus de Mar sexa Campus de Excelencia Internacional, foron as cuestións que Salustiano Mato tratou con Alberto Núñez Feijóo no primeiro dos encontros mantidos entre o reitor da Universidade de Vigo e o presidente da Xunta. Estes e outros temas que Mato considera prioritarios para continuar avanzando na relación entre ambas institucións, foron abordados na reunión celebrada nas últimas horas na residencia de Monte Pío con Alberto Núñez Feijóo.

Contrato programa por obxectivos e apoio ao Campus do Mar

No seu encontro co presidente da Xunta, Salustiano Mato avogou por fomentar un modelo de contrato programa por obxectivos, de maneira que as universidades reciban fondos en función de resultados, evitando premiar a ineficiencia.
En relación co proxecto de Campus do Mar, Mato agradeceu o apoio manifestado polo presidente da Xunta ao proxecto con que a Universidade de Vigo concorreu á convocatoria de Campus de Excelencia Internacional. Ambos mandatarios expresaron as súas expectativas en relación con que en breve se produza unha resolución favorable que confirmaría que a proposta viguesa pasaría o primeiro dos filtros da convocatoria.

Valoración positiva do encontro

Tralo encontro, o reitor da Universidade de Vigo realizou unha valoración positiva da primeira reunión mantida co presidente da Xunta, destacando o “interese manifestado polas iniciativas que lle trasladei”. Salustiano Mato amosou o seu convencemento en continuar avanzando e fortalecendo os vínculos que manteñen ambas institucións.

O encontro celebrado en Monte Pío produciuse horas despois da celebración da Asamblea General de la Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas (CRUE) e do Consejo de Universidades, presidido polo Ministro de Educación, Ángel Gabilondo, que tivo lugar en Madrid e nos que tamén tomou parte, por primeira vez trala súa elección, o reitor da Universidade de Vigo.