DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Gago aclarou que "Boloña non é privatización, elitismo ou desvalorización"

O reitor realiza unha defensa da universidade pública nunha charla sobre o EEES en Ciencias Sociais e da Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 14/01/2009

A presentación do Espazo Europeo de Educación Superior que este mércores fixo o reitor, Alberto Gago, ante estudantes, docentes, PDI e PAS da Facultade de Ciencias Socias e da Comunicación, converteuse nunha defensa da universidade pública e permitiu aclarar algunhas ideas sobre “o que é Bolonia e o que non é”. Acompañado da vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea, Carmen García Mateo; e da vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª Carmen Cabeza Pereiro o encontro cos membros da comunidade universitaria serviu para aclarar dúbidas e escoitar as obxeccións dos estudantes.
Carmen García Mateo foi a encarga de expoñer de xeito sintético, a filosofía do EEES e sinalar os seus piares básicos, tales como “a existencia dunha única estrutura de título –o grao- , a mesma unidade de medida do esforzo do alumno –os ECTS- e o mesmo certificado”. O cambio na busca do emprego pola “empregabilidade” e a capacitación para “unha aprendizaxe continua” foi outro das aspectos destacados pola vicerreitora que tamén aproveitou para ofrecer algúns datos da implantación de este sistema na Universidade de Vigo como os 24 graos que se implantarán no curso 2009-2010 e entre os que estarán os de Comunicación Audiovisual, Publicidade e Relacións Públicas e Dirección e Xestión Pública que se impartirán na facultade ou o 90% de alumnos que optou polo modelo do grao en Belas Artes, primeira carreira en adaptarse ao EEES da Universidade.
Pola súa parte, o reitor Alberto Gago, entrou de cheo no gran debate social sobre Boloña e falou abertamente “do que non é: privatización, mercantilización, elitismo ou desvalorización”. Respecto á primeira crítica, Gago non negou “a presenza crecente das empresas nos campus” e sinalou que “de non existir o EEES, faríamolo igual para que os coñecementos e as practicas profesionais dos alumnos estean máis preto dos empregadores”. Neste sentido, o reitor ofreceu datos como os 400 contratos que cada ano se fan nas prácticas dos títulos de grao e que sen embargo considera “insuficientes” e para os que ambiciona un aumento “ata cubrir o cen por cento dos estudantes”. Todo porque “aplicar o coñecemento á sociedade é unha obriga e un orgullo da universidade, ademais dunha maneira de sentirse útil”. Fronte ás acusacións de elitismo sinalou o caso dos mestrados “que ata hai tres anos só podían ser privados” e considerou que a homologación dos títulos en toda Europa fai que estes “vaian máis” e “non haxa devaluación en absoluto”. O reitor non eludiu ningún tema e con respecto á crítica da desaparición das humanidades, considerou que se trata dunha consecuencia “dunha sociedade tecnificada” ante a que a universidade é “un reflexo do tempo no que vive”. “Se non fose así, acusaríannos de mirarnos o embigo e de ser unha fábrica de parados”, apuntou.

Os prezos públicos e as bolsas

No turno de intervencións que seguiu á intervención do reitor, os estudantes amosaron a súa preocupación polo prezo dos créditos e das matrículas no novo sistema que, segundo o reitor, “será o mesmo” . Sobre se o sistema de bolsas se verá afectado neste novo marco, a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes interviu para sinalar que o “sistema de bolsas é unha conquista social” e que “o que temos non pode dar marcha atrás, senón que hai que pedir máis” e superar o 22% de bolseiros que actualmente existe na Universidade. O alumnado que actualmente cursa os primeiros cursos das licenciaturas tamén quixo coñecer en que situación estarán o ano que vén, cando se implanten os graos. Ante esta inquedanza, Carmen García Mateo informounos de que teñen “non só a posibilidade senón o dereito de elixir se se pasan ao grao”, sempre coa data límite do 30 de setembro de 2015 como fin das licenciaturas e diplomaturas.
Tanto o reitor como as vicerreitoras amosaron a súa comprensión polas inquedanzas ante o cambio xa que “todo cambio de plans é traumático” e coincidiron en que “Europa é progreso e modernidade” e que a Universidade de Vigo pode e debe aspirar a moito máis.
A de hoxe foi a primera da visitas que en próximas semanas membros do equipo de goberno da Universidade de Vigo realizarán a facultades e escolas dos tres campus para afondar na explicación do proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior.