DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Outorgado pola Asociación de Empresarios Gallegos de Cataluña

O reitor recollerá este venres en Barcelona o Título de Excelencia Galega

Salustiano Mato foi galardoado na categoría de Ciencias e Medicina

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 06/07/2011

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, recibirá estes venres o torque que o acredita co merecedor do Título de Excelencia Galega 2011. Esta distinción, outorgada pola Asociación de Empresarios Gallegos de Cataluña, recoñece a aquelas persoas que coa súa traxectoria persoal e profesional e polo seu amor a Galicia, teñan contribuído ao seu engrandecemento e desenvolvemento.

A finalidade é recoñecer o traballo e esforzo de galegos e non galegos por poñer en valor a terra galega dende os seus diversos campos de coñecemento, dende a política, a economía e a empresa ata as artes, a cultura, o deporte e a solidariedade. O recoñecemento a Mato corresponde á modalidade de Ciencias e Medicina, “pola súa traxectoria profesional como investigador no campo da bioloxía e a faunística das miñocas de Galicia e polo orgullo que ten demostrado polas súas orixes galegas”.

Xunto con Salustiano Mato reciben estes galardóns na edición de 2011 o pintor Antón Lamazares na categoría de Artes; Tomás Pérez Vidal, presidente do Parlamento de Galicia entre 1986 e 1989, en Ciencias Políticas; o presidente do grupo La Región, José Luis Outeiriño na modalidade de Comunicación; Antonio Fernández López, director xeral de Ahorro Corporación, en Finanzas; a alpinista Chus Lago en Deportes; a Xestión do Plan Xacobeo na modalidade de Restauración y Turismo e a Fundación María José Jove en Acción Solidaria.

Premiados en edicións anteriores

Persoeiros como Jordi Pujol, presidente da Generalitat durante 23 anos, os ex presidentes da Xunta de Galicia, Xarardo Fernández Albor, Fernando González Laxe e Manuel Fraga, ou o galeguista Isaac Díaz Pardo. No eido empresarial e de finanzas, foron dintinguidos como galegos excelentes, entre outros, José Luis Méndez e Julio Fernández Gayoso, presidentes de Caixa Galicia e Caixanova, respectivamente. Xunto a eles, nas pasadas edicións foron galardoados tamén persoeiros do mundo artístico e da comunicación como Fernando Ónega, Julia Otero, Sancho Gracia, Luz Casal, Adolfo Domínguez ou Luis Tosar.