DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Defendeu ao tomar posesión un modelo programa por obxectivos que non perpetúe a ineficiencia premián

O reitor Salustiano Mato apela á unidade e compromete o seu traballo para facer unha universidade moderna e internacional

Alberto Gago insistiu no modelo de excelencia acadado e Núñez Feijóo retou a Mato “a facer máis con

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 18/06/2010
O quinto reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, tomou este venres posesión do seu cargo nun acto no que os agradecementos e ás referencias ao financiamento do sistema universitario protagonizaron os discursos tanto do novo reitor, como do seu antecesor no cargo, Alberto Gago e do presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo. Ademais de comprometer o seu traballo para facer unha universidade “moderna e internacional”, Mato situou á transferencia e ás persoas no centro dun discurso no que demandou o fomento dun modelo de contrato programa por obxectivos para que “non perpetuemos a ineficiencia premiándoa”. Aínda que non afondou no modelo a establecer, o presidente da Xunta si sinalou as dificultades económicas do momento que obrigan a unha diminución nas partidas dedicadas a Educación e retou ao novo reitor a “facer máis con menos”. Pola súa banda o reitor saínte, Alberto Gago afondou no seu discurso no modelo de universidade acadado pola institución viguesa, baseado “na calidade, na competencia e na excelencia”.

A Universidade acadada e a que virá

O salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, no que se deu cita unha ampla representación dos sectores político, económico e social de Vigo e do resto de Galicia, foi o escenario no que se desenvolveu o acto de toma de posesión de Salustiano Mato e no que Alberto Gago foi o primeiro en tomar a palabra para agradecer o respaldo que durante os catro anos do seu mandato recibiu, en especial no proxecto de Campus do Mar. Despois que o reitor saínte finalizase a súa intervención na que tamén afondou no modelo de “excelencia e esixencia” acadado pola Universidade de Vigo e gabou ao seu sucesor, a secretaria xeral, Esther González deu lectura ao decreto de nomeamento do novo reitor. Tras prometer “cumprir fielmente as obrigas do cargo de reitor da Universidade de Vigo con lealdade a El-Rei e gardar e facer gardar a Constitución como norma fundamental do Estado” ao que o presidente da Xunta respondeu “se así o facedes que volo premien e senón que volo demanden”, Alberto Gago fíxolle entrega a Salustiano Mato da medalla de reitor e do bastón de mando.
No seu primeiro discurso como reitor da Universidade de Vigo, Mato, detallou algúns dos seus obxectivos en ámbitos como o alumnado, a investigación e transferencia ou o achegamento á sociedade. Ademais de sinalar a necesidade de estar ao lado do emprendemento e de facer da identidade, a cultura, o xeito de ser galegos e galegas e do idioma “a nosa mellor tarxeta de presentación no mundo”, Mato definiu ás persoas que traballan na Universidade como “o activo máis valioso” da institución. A demanda dun modelo de financiamento na negociación coa Xunta de Galicia no que volume total de orzamento acade a media das universidades españolas, foi outra das claves do discurso do novo reitor que avogou por fomentar “un modelo de contrato programa por obxectivos, de maneira que as universidades recibamos fondos en función de resultados. Non perpetuemos a ineficiencia premiándoa”, dixo Mato que finalizou a súa intervención destacando a valía e compromiso do seu equipo de goberno. Inspirándose nunha cita de Barack Obama, na que o presidente dos EEU aseguraba “Podemos. Non un, senón todos”, Mato rematou o seu discurso afirmando “nós seremos quen, se somos todos”.

O equipo e goberno promete cargo e Núñez Feijóo gaba a excelencia da institución

Os cinco homes e mulleres que ocuparán as dez vicerreitorías do goberno encabezado por Salustiano Mato prometeron e xuraron os seus cargos despois que o fixera a nova secretaria xeral Inma Valeije. Xunto a Valeije completan o equipo de goberno as vicerreitorías que estarán dirixidas por José Manuel García Vázquez, Economía e Planificación; Asunción Longo, Investigación; José Antonio Vilán, Transferencia de Coñecemento; Margarita Estévez, Títulos, Organización Académica e Profesorado; Ignacio Barcia, Alumnado, Docencia e Calidade; Manuel Fernández, Relacións Internacionais; Xosé Henrique Costas, Extensión Universitaria; María Lameiras, campus de Ourense; Mª Victoria Jato, Investigación e Transferencia do campus de Ourense e Antonia Blanco campus de Pontevedra.
Finalizados os xuramentos dos e das integrantes do novo equipo de goberno, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo tomou a palabra para gabar a excelencia dunha universidade, dixo, “con clara proxección internacional”. Ademais de referirse ao Sistema Universitario Galego como “un perfecto reflexo do que é a nosa comunidade”, Núñez Feijóo non deixou pasar a ocasión para referirse ao financiamento nunha etapa que definiu como “especialmente dura que obriga a unha diminución nas partidas destinadas a Educación”. O presidente da Xunta retou ao novo reitor a “facer máis con menos” e apropiándose dunha frase empregada habitualmente por Mato a “suar a camiseta”, ao que puntualizou “non te preocupes, somo varios”.

Música de Mary Poppins para pechar o acto

O peche do acto de toma de posesión do novo reitor finalizou coa actuación do coro da Universidade de Vigo que rompendo o protocolo e antes da interpretación do Gaudeamos Igitur, ofreceu unha selección de cancións da película Mary Poppins traducidas ao galego. A directora do Coro, Nuria Lorenzo, explicou esta decisión para homenaxear ao reitor saínte, Alberto Gago, polo seu apoio ao longo dos anos do seu mandato. Así, fragmentos dos temas Chim Chim Cher-ee ou Super Califragilistico, fixeron as delicias dos asistentes ao acto e moi especialmente do homenaxeado, Alberto Gago. A interpretación do Gaudeamos Igitur pechou o acto ao que seguiu un viño de honra no exterior de Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.


Apertura á sociedade, implicación nas iniciativas e convicción nos proxectos compartidos, alicerces do proxecto do novo reitor

Gratitude e eloxios para o seu sucesor no cargo centraron o discurso de Alberto Gago

O presidente da Xunta gaba a excelencia dunha Universidade con clara proxección internacional