DUVI

Diario da Universidade de Vigo

M.A. Assunçao reuniuse con Alberto Gago para estudar a avanzar na implicación da súa institución

O reitor da Universidade de Aveiro considera fundamental a parcería xerada arredor de Campus do Mar

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 02/03/2010

Docencia, investigación e divulgación científica son as tres liñas avanzadas polo reitor da Universidade de Aveiro para materializar a colaboración da institución que preside no proxecto de Campus do Mar. Manuel Antonio Assunçao que accedeu ao cargo de reitor hai unha semana mantivo este martes un encontro co seu homólogo Alberto Gago no que o reitor da Universidade de Vigo trasladoulle os detalles do proxecto co que a institución viguesa concorrerá á vindeira convocatoria de Campus de Excelencia Internacional do Ministerio de Educación.
“A impresión é moi positiva”, sinala Assunçao que pon de manifesto a importancia que o mar ten para a Universidade de Aveiro que lembra “está integrada nun cluster do mar e ten titulacións relacionadas con este ámbito, tamén de posgrao, conxuntamente coas universidades de Minho e Porto”. Ademais de dispor dun Centro de Estudios do Ambiente e do Mar “que marca a importancia da estrutura de investigación e científica”, afirma Assunçao , a Universidade de Aveiro, conta con outras áreas fortes que poden, segundo o reitor, realizar achegas ao Campus do Mar en telecomunicacións e química dos alimentos. A estes activos súmase unha terceira liña de actuación na que a Universidade de Aveiro, afirma o reitor, “somos fortes”: a divulgación científica, un ámbito que a institución lusa incluso integra no seu programa docente a través dun mestrado en comunicación científica. Sobre este último aspecto o reitor da Universidade de Vigo , Alberto Gago, destaca a “profesionalización da estrutura de divulgación científica de Aveiro” que considera interesante incorporar ao Campus do Mar, así como todos os elementos que “teñan coherencia co proxecto que estamos a desenvolver”. Neste sentido Gago amosou o seu interese na posibilidade apuntada por Assunçao de dar a coñecer o proxecto ao Museu Marítimo de Ílhavo, “o máis importante de Portugal”, lembrou o reitor de Aveiro.

Unha continuidade natural

No seu encontro de hoxe na reitoría viguesa, Assunçao e Gago, coincidiron en sinalar a importancia de reunir unha masa crítica en Galicia e Portugal para traballar no proxecto, así como naturalidade da relación que hai anos manteñen as universidades galegas e portuguesas. “Campus do Mar”, afirma o reitor de Aveiro “é a continuidade natural dunha relación moi boa que mantemos con Galicia. Trátase de establecer estratexias integradas que nos permitan ter máis posibilidades de atracción. Esta parcería estratéxica é fundamental”. Precisamente Assunçao lembrou que a internacionalización foi unha das liñas estratéxicas defendidas na súa toma de posesión como reitor celebrada hai unha semana.
Pola súa banda o reitor Alberto Gago incidiu na capacidade de aglutinar de Campus do Mar que considera “ofrece moitas oportunidades”, entre as que o vicerreitor de Investigación da Universidade de Aveiro, José Fernando Ferreira Mendes, incluso apuntou a dunha posible colaboración entre as dúas universidades como un “embrión para un futuro proxecto europeo”.