DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha exposición sobre esta ruta promovida pola profesora Lourdes Maceiras exhíbese na vila de Melgaç

A reivindicación do camiño Miñoto-Ribeiro traspasa a fronteira

A Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública busca dar visibilidade a esta antiga vía de peregrinac

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 20/02/2014

No seu obxectivo de rescatar do esquecemento o camiño Miñoto-Ribeiro, a Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública do campus de Pontevedra puxo un marcha, xunto co colectivo Medicina e Arte, unha exposición colectiva itinerante que nos últimos meses está a percorrer esta antiga ruta de peregrinación a Santiago de Compostela desde o sur da provincia de Ourense. A mostra Queremos SaudArte desde o Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro partiu o pasado verán do Concello de Cortegada e vén de atravesar, ao igual que fai a ruta, a fronteira con Portugal para permanecer durante este mes de febreiro na Casa da Cultura de Melgaço.

Preto de 40 obras, cuxa temática xira arredor do camiño, conforman esta mostra comisariada pola profesora da Facultade de Fisioterapia Lourdes Maceiras, que trata de “dar a coñecer o enorme potencial paisaxístico e patrimonial dos municipios polos que pasa a ruta”. Xurdida inicialmente como unha compilación de pinturas, esculturas e fotografías elaboradas polo grupo de médicos e médicas que integran o colectivo Medicina e Arte, a exposición estase a ver enriquecida na ruta que nos últimos meses a levou polos concellos de Cortegada, Leiro e Padrenda. “A medida que avanza vai incorporando xente que atopamos polo camiño”, salienta Maceiras, que hai uns días participaba na inauguración en Melgaço da mostra que “busca dar visibilidade ao camiño e contribuír á súa recuperación”. Para logralo, o seu obxectivo é que a exposición percorra a totalidade da ruta e poida ser vista nos diferentes concellos polos que pasa un camiño que na antigüidade era empregado como unha vía alternativa para chegar a Compostela por persoas que padecían enfermidades como a lepra.

“É importante que vaia facendo o camiño, porque así a xente que vexa a exposición pode coñecer tamén por onde pasou”, salienta Maceiras. Por iso, dado que esta ruta atravesa o municipio luso de Melgaço, era preciso que Queremos SaudArte desde o Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro atravesase a fronteira e se internase no país veciño, algo que fai ao longo deste mes de febreiro, no que as obras poden ser vistas na Casa da Cultura de Melgaço. “A verdade é que cando comezamos coa exposición non sabíamos se sería posible dar este salto, pero o certo é que a xente de Melgaço está moi implicada neste proxecto”, destaca a comisaria desta exposición. De feito, a mostra está a ser obxecto de visitas por parte dos centros escolares da zona, o que motivou á incorporación á mesma dunha serie de contidos que lle dotasen dun carácter máis didáctico.

Na procura das pegadas dos peregrinos

Co mesmo obxectivo de contribuír a poñer en valor unha ruta arredor da que no seu día se levantaron diferentes hospitais e lazaretos, a Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública tamén puxo en marcha, xunto á Asociación Camiño Xacobeo Ribeiro-Miñoto, o proxecto Pegadas, co que busca compilar todo tipo de documentación sobre esta antiga ruta coa colaboración da veciñanza dos diferentes municipios que atravesa. Grazas principalmente ao profesorado da zona, os impulsores deste proxecto recibiron nestes meses unha serie de achegas ben dispares, desde traballos de clase que recollen refráns e referencias a documentos históricos, “nos que se fala dos peregrinos e tamén da existencia de hospitais na zona, sobre todo da Orde de San Xoán de Xerusalén e da Orde do Temple”.

“Ata houbo xente que se ofreceu a percorrer unha parte do camiño con nós e ensinarnos por onde ía”, engade Maceiras, que tamén destaca a información que lle veñen de proporcionar en Melgaço sobre o paso do camiño pola freguesía de Castro Leboreiro. Mais, en liñas xerais, a coordinadora desta iniciativa recoñece que queda moito por recuperar, especialmente no ámbito da “tradición oral”, polo que convida á cidadanía da zona a recoller toda a información que lle poidan proporcionar ás persoas maiores.

Grazas á colaboración dos 16 municipios polos que transcorre o camiño Ribeiro-Miñoto (Lobios, Entrimo, Padrenda, Pontedeva, Cortegada, A Arnoia, Ribadavia, Beade, Leiro, Boborás, Beariz, Forcarei, A Estrada, Vedra, Santiago de Compostela e Melgaço) as persoas que queiran achegar información e documentación ao proxecto Pegadas poden facelo directamente nos propios concellos ou nos seus centros de ensino, explica Maceiras, así como remitila directamente a Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública, con sede na Facultade de Fisioterapia. De feito, aínda que esta iniciativa se estende ata a Semana Santa, a profesora informa que seguirá recollendo información máis alá desta data, polo que, dalgún xeito, este proxecto “seguirá aberto mentres haxa camiño”.