DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Liga Estudantil Galega organizou un pousadoiro na Facultade de Belas Artes

Reivindicacións en forma de fotografías

O alumnado podía retratarse con diferentes lemas en defensa dos dereitos das mulleres

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 11/03/2014

Coa idea de concienciar á comunidade universitaria da importancia que ten a loita a prol da igualdade, a Liga Estudantil Galega convidou nesta xornada ao alumnado de Belas Artes a retratarse nun pousadoiro con diferentes lemas reivindicativos. Frases da intelectual feminista Simone de Beauvoir como ‘Non se nace senón que se devén muller’ ou 'Quen non se move non sente as cadeas', de Rosa Luxemburgo, xunto con lemas como ‘Os dereitos conquistados deféndense, os pendentes esíxense’, eran algunhas das alternativas que o sindicato estudantil puxo a disposición do alumnado á hora de fotografarse no pousadoiro ou photocall instalado ás portas da facultade.

Con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemorou o pasado 8 de marzo, a organización estudantil desenvolveu por primeira vez en Pontevedra este “simbólico acto para reivindicar os dereitos da muller”, explica a representante da Liga Estudantil Sara Iglesias, que incide así mesmo en que, “ao tratarse dunha iniciativa vistosa como é facerse unha foto, moita xente anímase a participar nunha actividade que busca visibilizar as reivindicacións do feminismo”. Entre estas demandas Iglesias destaca "o dereito a decidir sobre o propio corpo e o rexeitamento á nova lei do aborto", que motivou lemas como ‘O aborto é un dereito, non un delito’ ou ‘No meu corpo mando eu’.

Baixo un fondo no que se podía ler ‘Contra o patriarcado, feminismo organizado’, o alumnado podía posar con media ducida de lemas plasmados en cartolinas para unha fotografía que será exhibida no perfil de Facebook da Liga Estudantil Galega, que nesta xornada tamén desenvolveu esta actividade no IES Sánchez Cantón.

Unha opción coa que atraer á xente

Ao pousadoiro instalado na entrada da facultade achegáronse estudantes como Rebeca Cambeiro, que viu moi positiva a iniciativa promovida pola Liga Estudantil, dada a “necesidade de concienciar e informar á cidadanía”. Neste senso, esta estudante de Belas Artes salientou o “vistoso” dunha actividade “que axuda a achegar estes temas a persoas que igual non lerían un artigo sobre feminismo”. Tamén posou ante a cámara Adrián Conde, alumno do grao en Belas Artes, que salienta como “positiva toda iniciativa na que as mulleres reivindiquen os seus dereitos” e que defendeu así mesmo que “o home tamén ten que implicarse na loita pola igualdade”.