DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na mostra ‘Identidades colectivas’, que se pode visitar ata o 25 de xaneiro de 2013 na Sala X

Unha relación de entendemento entre artista e espectador

Expoñen os creadores Alberto Valverde, María Castellanos, Sara Goberna e Ana Seoane

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI 17/12/2012

A identidade do artista é un tema fondamente tratado ao longo da Historia da Arte, “dende os personaxes pintados de costas por Gaspar Friederich no romanticismo ata a implantación dun micro chip no nocello de Eduardo Kac na súa acción Time Capsule”. A exposición que a Sala X da Facultade de Belas Artes acolle ata o 25 de xaneiro de 2013, Identidades Colectivas, continúa con esta liña de debate indo máis aló do propio signo de identidade do creador para adentrarse na esencia da propia obra concibida. Cinco profesores e artistas da facultade pontevedresa, Alberto Valverde, María Castellanos, Sara Goberna e Ana Seoane, dialogan sobre esta temática para concluír que ademais da do artista, tamén se ve implicada nunha obra a identidade do espectador, “tanto no modo de reaccionar, empatizar e observar ou dialogar coa creación”.

Como explican os propios artistas, nunha mesma cultura e contorna social é sinxelo “que nos vexamos reflectidos e identificados na cultura visual do momentos pois os seres humanos somos seres sociais e gústanos sentirnos integrados no noso contexto máis próximo”. Así, no compendio de obras que se aglutinan neste proxecto expositivo, móstrase a intención “común” de implicar ao espectador “directamente como partícipe da obra”, de forma que o visitante non sexa soamente unha parte pasiva deste proxecto artístico colectivo. “Ao pasear pola sala e pórse en fronte das pezas, queremos que se converta en parte activa da mesma, en sinerxía con elas e como último chanzo da mostra”, sinala María Castellanos, para finalmente crear unha relación latente no tempo entre artista e espectador.

Catro reflexións heteroxéneas

A heteroxeneidade técnica caracteriza a esta mostra colectiva da Sala X, con manifestacións artísticas “moi variadas” que van dende as instalacións interactivas Humano Perfecto de Alberto Valverde e Piel digital de María Castellanos, ata as pinturas de Ana Seoane con traballos da serie Como gustéis ou as intervencións téxtiles de Sara Goberna. Valverde afonda na súa investigación sobre o desenvolvemento tecnolóxico e a súa conexión co ser humano presentando pantallas interactivas que converten ao espectador en protagonista temporal da obra ao ver reflectida a súa imaxe e confundida cos trazos do personaxe proxectado. Pola súa banda, María Castellanos emprega un motivo recorrente nas súas prácticas artísticas, a análise das relacións entre corpo, tecnoloxía e arte e como esta confluencia inflúe no propio ser humano. Ana Seoane expón varios óleos sobre papel nos que dá a ver “inmensos” espazos de baleiro e silencio nos que se distingue xente anónima sen identidade precisa “incapaces de formar una masa humana sen referencias de ningún tipo”. A mostra complétase coas pezas téxtiles de Sara Goberna, titulada de Belas Artes en 2011.

Esta exposición colectiva de artistas e profesores da Facultade de Belas Artes poderase visitar na Sala X ata o vindeiro 25 de xaneiro de 2013 de luns a venres en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 19.00 a 21.00 horas.