DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro da graduación da última promoción da diplomatura

Relacións Laborais rende unha sentida e emotiva homenaxe á súa gran valedora, a profesora Fátima García

Reitor e alcalde destacan o papel da que foi a principal impulsora da integración da antiga escola á

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 16/06/2011
Un acto sinxelo, pero profundamente emotivo. Así foi a graduación dos derradeiros diplomados en Relacións Laborais, unha cita na que se rendeu homenaxe á profesora, recentemente falecida, Fatima García Rodríguez, unha persoa “de enorme xenerosidade e de solidariedade irrefreable”, “apaixonada, vehemente na defensa das súas posicións, pero sempre con argumentos” como a ela se referiu o seu compañeiro e amigo, José Carlos Orge, que foi o encargado de lembrar a parte máis humana dunha muller “que deixou incrustada a súa alma no ADN desta titulación”, como subliñou o reitor, Salustiano Mato, que lembrou o empeño “dunha docente vocacional” cuxa traxectoria profesional estivo marcada polo compromiso co estudantado, tanto dende a docencia, como tamén dende a xestión, primeiro como directora e logo como vicedecana da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, dende a súa creación en 2002 ata finais de 2005.

Coa presenza da súa familia; do alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen lembrou o excepcional traballo “levado a cabo por Fátima durante tantos anos”; do exreitor, Domingo Docampo, que traballou man a man con ela para que o proxecto de integración da escola na facultade chegase a bo fin, así como, dun bo número de compañeiros, amigos, persoal de administración e servizos e unha representación dos miles de alumnas e alumnos titulados en Graduado Social e Relacións Laborais que pasaron pola súas aulas e nos que deixou “unha impronta indeleble”, Fatima estivo máis presente ca nunca e a comunidade universitaria devolveulle “só unha pequena parte da súa entrega e compromiso con Relacións Laborais e con todos os alumnos que decidiron cursar estes estudos”. “Porque ela foi unha desas profesoras que deixan pegada e porque dende aquí lle queremos mandar un abrazo moi forte onde queira que estea”, como recalcou Lilibeth Allo, que interveu en representación do alumnado da diplomatura.

En nome precisamente de todos os membros da facultade, a decana do centro, a catedrática Ana Mª Pita, entregou unha placa conmemorativa á familia da profesora, que recolleu a súa irmá Ana, momento que se complementou coa entrega por parte do reitor da Insignia de Ouro da Universidade de Vigo á título póstumo a docente, insignia que recolleu o marido da mestra.

Novos profesionais para garantir a “boa práctica das relacións laborais”

Emotivo tamén foi o discurso de Emma Rodríguez, madriña dos 47estudantes que recibiron as bandas que os acreditan como derradeiros diplomados en Relacións Laborais, titulación que coa chegada do Espazo Europeo da Educación Superior pasou a converterse no novo Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos. “Non deixedes que o medo ou os inconvenientes convertan en imposibles os vosos soños”, recalcoulle aos recen titulados, a quen tamén instou a “vivir o carpe diem, aproveitade o momento que sen medo, vos enfrontedes á vida e adoptedes os camiños que se vos presenten”.

Ela non foi a única en repartir consellos, fíxoo tamén a decana, que lles lembrou a posta en marcha dun curso complementario para que se fagan co novo grao e poidan acceder así aos diferentes cursos de posgrao.

En clave de futuro faloulles tamén o alcalde quen insistiu en que pese aos difíciles intres polos que pasa a sociedade “todo é posible para os que tendes calidade, moitas gañas e unha excelente formación”, un aspecto no que tamén fixo fincapé o reitor, quen, ademais de destacar o esforzo “absolutamente loable” que está a realizar o profesorado universitario no proceso de adaptación a Boloña, recalcou que “agora máis ca nunca fan falla profesionais que fagan e esixan a boa práctica das relacións laborais”.