DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado e profesorado do campus conmemoran o Día Internacional desta disciplina vestíndose de encar

As relacións públicas póñense vermellas ao celebrar o seu santo

Buscan que esta área da comunicación teña unha maior proxección e visibilidade na sociedade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 21/11/2012

Este mércores 21 de novembro conmemórase o Día Internacional das Relacións Públicas e que mellor xeito de celebralo que vestíndose de vermello para reivindicar o seu papel dentro do eido comunicativo. Así, profesorado e alumnado do Grao en Publicidade e Relacións Públicas, armados con algún complemento encarnado, fixeron un alto na súa rutina de clases co propósito de demostrar que esta disciplina “si existe”. Non foi un acto illado xa que a maioría das facultades e escolas de comunicación de España tamén se uniron a esta celebración reivindicativa. “As universidades de Vigo, Sevilla, Cádiz, Málaga, Navarra, Tarragona, a Complutense, a Rey Juan Carlos e a Autónoma de Madrid e a Autónoma de Barcelona xuntamos forzas para dar conta do papel importante que xoga esta área da comunicación que normalmente ten pouca visibilidade”, apunta Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus e profesora de relacións públicas.

O decano da facultade e tamén docente especializado neste campo de estudo, Juan Manuel Corbacho, encabezou esta concentración co obxectivo de demostrar a validez e idoneidade das relacións públicas sobre todo en momentos de austeridade. “Tanto profesionais como académicos debemos congratularnos de practicar, compartir e ensinar unha disciplina tan valiosa nos tempos que corren”, sinala o decano, unha materia que adquire maior importancia, “se cabe”, en épocas de escaseza de medios “nas que que o enxeño e a creatividade deben brillar con luz propia, algo no que o noso alumnado é o mellor exemplo”, engade.

Un maior peso nas titulacións de comunicación

Ademais de loitar por unha maior proxección, corpo docente e estudantes tamén reclaman un maior peso da disciplina nas titulacións en comunicación. “A sociedade cada vez máis esixe maiores respostas e máis compromiso social por parte das empresas e institucións polo que un profesional debe estar preparado para manter ese achegamento cos públicos”, principal función das relacións públicas “de aí que demandemos que nos plans de estudo vixentes se incorporen máis materias referentes ao estudo e traballo deste ámbito”, destaca Fernández Souto.

Aínda que o panorama laboral da relacións públicas en Galicia se atopa nestes momentos moi debilitado “xa que todas as organizacións están a recortar os seus orzamentos en comunicación”, Ana Belén Fernández Souto salienta a necesidade de seguir loitando por convencer a empresas e institucións que a publicidade, as relacións institucionais, a atención ao cliente e todas aquelas accións nas que se pon en xogo a imaxe e reputación dunha entidade “soen resultar moi rendibles a medio e longo prazo e máis que un gasto, deberían considerarse como un investimento”, conclúe.