DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Clausura das xornadas 'De promesa a realidade. A comunicación made in Galicia'

As relacións públicas procuran a súa profesionalización en Galicia

Aínda que hai unha maior demanda dos seus servizos, existe un gran descoñecemento

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 11/04/2011

Das experiencias, aínda que sexan contadas por outros, tamén se aprende, e moito. Baixo esta premisa pecha a súa primeira edición o ciclo de conferencias De promesa a realidade. A comunicación made in Galicia, coordinadas por Ana Belén Fernández Souto e por Juan Pereira, que na súa derradeira sesión afonda nas relacións públicas e na súa práctica no territorio galego, da man dos profesionais Ángeles Díaz, experta en xestión de crise, Rosa Pontes, da consultoría de comunicación Torres y Carrera e Juan José García, de APM Management Tools. Todos coinciden en que “queda moito por andar para a consolidación das relacións públicas en Galicia, pero cada vez máis empresas demandan este tipo de servizos”.

Ángeles Díaz, experta en xestión de crises de comunicación, comenta que as relacións públicas teñen avanzado na comunidade “en parte grazas á creación duns estudos en Publicidade e Relacións Públicas evolucionando a pasos axigantados tanto a súa oferta como a súa demanda”. Mais, neste contexto de mellora faise necesario “que os propios profesionais do sector combatan o gran descoñecemento das actividades que abarca esta especialidade, afondando nas vantaxes que poden supor para as empresas e institucións”, engade Díaz.

Ademais de consolidar as relacións públicas como profesión no territorio galego, os expertos do sector terán que facer fronte a dúas cuestións “que revolucionarán as bases do termo”, centradas nos cambios sociais e na proliferación das novas tecnoloxías. Como aclara Ángeles Díaz, “a transformación dos medios tecnolóxicos e a crise económica van derivar nun cambio de filosofía, de concepto e de estrutura das relacións públicas”.

A crise económica, principal cliente

Especializada en xestións de crise comunicativas, Ángeles Díaz recoñece que os principais nichos de emprego neste momento en Galicia “son os derivados da crise económica, como a presentación de expedientes de regulamentación de emprego, mobilizacións, folgas, denuncias de tipo laboral...”. Na xestión das crises comunicativas, comenta que “un dos denominadores comúns a todas elas é o factor sorpresa, pois non sabemos en que vai consistir a crise e cando vai suceder, polo que sempre debemos estar preparados”. De aí a importancia de ter elaborado un protocolo de actuación “onde se teñan recollido as principais medidas, sen abandonar nada á improvisación”. Engade que, unha vez inmersos nunha crise, “o máis importante será a capacidade de reacción e a veracidade das nosas informacións”.

As grandes empresas son as que máis demandan os servizos de relacións públicas, pero cada vez son máis “aqueles negocios nos que, independentemente do seu tamaño, teñen unha visión clara de que son unha ferramenta básica de xestión empresarial”. Deste xeito, os gabinetes de comunicación, tanto en institucións como en empresas, “multiplicáronse e estanse a converter nun nicho de emprego importante”. As consultorías externas, como Torres y Carrera, tamén son outra alternativa “que están gañando peso, algo impensable hai quince anos”.