DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo coordina un congreso internacional que combina as modalidades presencial e virtual

As relacións públicas proxéctanse desde Ons como disciplina académica e ámbito profesional

Abriuse cunha conferencia sobre como as empresas melloraron a súa reputación durante a pandemia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI Pontevedra 30/06/2021

“A visualización, consolidación e posta en valor das relacións públicas, tanto no ámbito profesional como académico e de investigación” constitúe, como sinalou o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Iván Puentes, o “obxectivo fundamental” da Asociación de Investigadores en Relaciones Públicas (AIRP) e do congreso internacional que cada ano dedica a unha disciplina que xoga un papel clave nas estratexias de comunicación de empresas e organizacións. Con Puentes e a tamén docente da facultade Ana Belén Fernández Souto como directores, a Universidade de Vigo exerce desde este mércores por terceira vez como anfitrioa deste congreso. Mais nesta ocasión faino desde a illa de Ons, que reúne os 54 expertos e expertas que participan de xeito presencial neste congreso e aos que se suman máis dun centenar de investigadores e investigadoras de diferentes universidades de España, Portugal, Colombia, Ecuador, Brasil e Costa Rica, que participan de forma virtual nun congreso que pode seguirse a través do Campus Remoto da UVigo.

Este XV Congreso Internacional de Investigación en Relacións Públicas foi inaugurado na tarde deste mércores desde a praia das Dornas polo vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, e os seus directores, os investigadores do grupo CP2 Iván Puentes e Ana Belén Fernández Souto, quen interveu en representación da xunta directiva da AIRP. “Este vai ser un congreso diferente”, recoñeceu Puentes dun evento que conta co apoio da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia e que a busca dunha “contorna natural” na que levar a cabo ao aire libre o maior número posible de actividades, nun contexto marcado pola covid-19 levou á organización a trasladalo a Ons. O vicerreitor do campus, pola súa banda, puxo o acento na selección das 64 “comunicacións do máis atractivo” que integran as dez mesas de comunicacións deste congreso. Xunto co desenvolvido en 2019 en Azores, trátase, como sinalou Puentes, da edición á que se presentaron maior número de propostas, máis de 90, a pesares de ser “un congreso específico”, que limita o seu ámbito de análise á disciplina das relacións públicas. 

Como as empresas melloraron a súa reputación durante a pandemia

Comunicar en la economia y la sociedad de la confianza é o título deste XV congreso, que, xunto a outra serie de temáticas, pon o foco no papel das relacións públicas para xerar confianza nos diferentes públicos aos que empresas e institucións dirixen as súas accións comunicativas. Nese senso, a conferencia inaugural, a cargo da profesora da Universitat Oberta de Catalunya Laura Verazzi, centrouse naquelas accións que teñen como destinatarios aos propios integrantes dunha organización. Comunicación interna. O que fixemos ben durante a pandemia era o título do relatorio no que Verazzi afondou en como en 2020, nun ano marcado pola covid-19, as empresas foron capaces de mellorar a súa reputación. Responsable dunha consultora especializada en comunicación interna, a conferenciante partiu dos resultados do barómetro de confianza Edelman, no que as empresas se amosaban como “as únicas institucións nos cuadrantes positivos tanto de competencia como de ética”, para afondar nos resultados dunha investigación na que realizaron entrevistas a responsables de máis dunha vintena de compañías e que lle permitiu constatar que “a comunicación interna das empresas fixo as cousas moi ben” durante a pandemia.

“A miña conclusión é que, nun momento no que todo era caos, volvéronse emisores de referencia, fixeron un traballo de simplificación, de tradución de moitos datos a unha linguaxe comprensible”, salientou Verazzi. Durante a pandemia, sinalou, as áreas de comunicación e relacións públicas “creceron en axilidade e independencia”, estiveron presentes nos comités de crise das empresas e acadaron “un lugar de maior influencia”. Neste contexto, situaron a “transparencia e a contención” como dous dos piares das accións comunicativas dirixidas aos “públicos internos”, que á súa vez contribuíron a mellorar tamén a súa reputación externa. “O persoal de comunicación interna ordenou ese caos, comunicouno e esa información terminou circulando fóra das organizacións”, servindo como exemplo das normas que era preciso adoptar durante a pandemia, explicou. Ao mesmo tempo, nun período no que moitos sectores viviron “crises de produción e de negocio”, as empresas trataron tamén de “conectarse coa súa comunidade”, de tal xeito que máis aló “de que o primeiro que quixeron facer foi seguir co seu negocio”, buscaron tamén posibles vías de colaboración para facer fronte ás necesidades derivadas da crise sanitaria, que contribuíron tamén a mellorar a percepción que a sociedade ten destas.

Investigadores de máis de 30 universidades de seis países

Esta primeira xornada completouse co desenvolvemento simultáneo, no centro de visitantes e na igrexa de Ons, das dúas primeiras mesas de presentación de comunicacións deste congreso. Entre esta xornada e o venres, máis dun cento de investigadores e investigadoras de 34 universidades de España, Portugal, Colombia, Ecuador, Brasil e Costa Rica, presentarán os seus estudos nas dez mesas que integran o programa desta edición, na que varios dos estudos poñen o foco nese papel da disciplina á hora de xerar confianza cara empresas e institucións, mentres que outros traballos centraranse nos efectos da covid-19 e na xestión da pandemia desde este ámbito profesional. As innovacións e novas prácticas en relacións públicas, o desenvolvemento de accións nas redes sociais, a evolución da docencia e a investigación neste ámbito, xunto co papel na comunicación política, forman parte así mesmo dos contidos que se abordarán ao longo das tres xornadas.

A comunicación poítica centrará así mesmo a conferencia de clausura que o profesor da Universidade do Porto Fernando Vasco Moreira Pinto impartirá este venres, xornada na que tamén terá lugar o acto de entrega dos premios, correspondentes ao ano 2020, que a AIRP outorga aos mellores traballos de fin de grao e mestrado, entre os que figura o realizado pola egresada da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Lucía López Cajoto, distinguido co terceiro premio ao mellor TFG.