DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 24 de xaneiro ao 7 de febreiro no Edificio Politécnico

Relatores de Cabo Verde, Brasil y Portugal tomarán parte nas II Jornadas da Língua

Teatro, actuacións musicais e conta contos completan o programa

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 21/01/2009
A situación do galego é un tema que sempre dá moito que falar debido a gran cantidade de posturas que existen respecto de esta cuestión. As II Jornadas de Língua tratarán de ofrecer a súa perspectiva a través dos relatorios que terán lugar no campus de Ourense dende o 27 de xaneiro ata o 6 de febreiro. Ademais da parte teórica, as xornadas tamén traerán diversión e ocio tanto para maiores como para pequenos con actividades lúdicas como actuacións musicais, teatro infantil, conta contos, concursos e unha demostración de capoeira terán lugar dende o 24 e ata o 7 de xaneiro no local social de A Esmorga, unha das asociacións que organiza o congreso.
Estas xornadas, que acadan este ano a súa segunda edición, teñen como obxectivo, segundo os promotores, elevar o galego ao nivel real de lingua, sen lastres nin complexos, dignificándoo como idioma propio de Galicia e que conta con proxección mundial. Por outra banda, pretende romper os muros que illan ao noso idioma dentro dunhas fronteiras rexionais. Para lograr estes obxectivos distintas organizacións traballan xuntas; é o caso da asociación A Esmorga, Movimento Defesa da Língua (MDL), Associaçom Galega da Língua (AGAL) e a Associação Sócio-Pedagógica Galaico-Portuguesa. A esta colaboración súmase a da Consellería de Cultura e Deporte e a da Vicerreitoría do campus de Ourense.

O galego como eixo

Oito serán os relatorios que aborden as cuestións teóricas das xornadas. Comezarán o 27 de xaneiro cunha mesa redonda que leva por título Os sabores da língua na que participarán Samuel Rego, de Portugal; X. Castelhanos, de Galicia; Jeanne R. Pereira, de Brasil e Silvino Évora, de Cabo Verde. Esa mesma semana terán lugar outros dous relatorios, o día 29 Bilingüísmo e lingua común con Juán Carlos Moreno Cabrera e o venres 30 Sempre em Carral con Ernesto V. Souza. O escenario das conferencias será o Edificio Politécnico ás 18.30 horas.
Xa no mes de febreiro continuarán as xornadas tratando outros aspectos como a fabricación da idea de lingua da que falará Roberto Samartim o luns día 2 ou o ensino de outros idiomas a partir do galego, unha mesa redonda na que participarán membros das Escolas Oficiais de Idiomas de Santiago de Compostela e de Ourense e que terá lugar o martes 3. As xornadas continuarán ao día seguinte co relatorio de Francisco Paradelo no que presentará a banda deseñada como recurso didáctico. O xoves será a quenda de Elias Torres e Xosé R. Freixeiro que debaterán sobre O galego para onde? O galego para que? Por último, o venres día 6, José R. Pichel ofrecerá un relatorio que dará a coñecer as ferramentas para a lingua na rede. Novamente as citas serán no Edificio Politécnico ás 18.30 horas, agás os días 3 e 5 que comezarán as 18.30 e 19.30 horas respectivamente.
Estas actividades teóricas serán computables por 19 horas e os asistentes obterán un diploma da Universidade de Vigo.