DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Invidentes relatarán as súas experiencias este sábado nunha actividade na Casa da Luz

Relatos en primeira persoa que dan luz á realidade da discapacidade visual

Impulsada polo grupo Cies e o CRE da ONCE, a actividade baséase na iniciativa das bibliotecas humana

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 10/05/2018

O relato da vida escolar dun mozo invidente, as vivencias dos pais dunha nena cega, as experiencias na vida universitaria de estudantes con discapacidade visual... Con luz propia, unha actividade promovida polo grupo de investigación Cies, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, e o Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE achegará este sábado á Casa da Luz once relatos dirixidos a promover a inclusión das persoas con discapacidade visual. E farao na voz das e dos propios protagonistas destas historias vitais, nunha actividade baseada na metodoloxía das bibliotecas humanas que se enmarca no programa de actividades do 75 aniversario do CRE de Pontevedra.

Así, aquelas persoas que entre as 12.00 e as 14.30 horas deste sábado se acheguen pola Casa da Luz disporán dun catálogo no que seleccionar o relato do seu interese, que poderán escoitar directamente das e dos seus protagonistas, para logo manter tamén un diálogo con eles. “Creamos unha biblioteca viva, na que os libros son persoas de carne é óso dispostas a compartir as súas experiencias”, sinalou a catedrática Ángeles Parrilla, coordinadora do grupo Cies, na presentación que este xoves tivo lugar na Casa das Campás, que realizou xunto ao vicerreitor do campus en funcións, Juan Manuel Corbacho, o director do CRE, José Ángel Abraldes, e a pedagoga deste centro Pilar Carballo. “Trátase dun proxecto marabilloso, emocionante, que nun campus que traballa nun proxecto de especialización centrado na creatividade e na innovación social e sustentable ten un encaixe perfecto”, sinalou Corbacho, quen agradeceu tamén a colaboración do Concello con esta actividade. “No noso 75 aniversario quixemos facer cousas que visibilizen a nosa actividade diaria en Pontevedra e quixemos facelo con entidades do noso ámbito, da educación”, engadiu Abraldes, quen nese senso definiu á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte como un “dos mellores aliados que podíamos ter” á hora de promover a inclusión das persoas con discapacidade visual.

Once historias coas que espertar conciencias

“Todo o mundo ten unha historia que contar”, engadiu Carballo do que é o punto de partida dunha actividade que protagonizarán dez mozos e mozas do grupo Pensadores galaicos, que tres veces ao ano se reúne no CRE para debater diferentes temas de actualidade. Así, os e as asistentes a esta actividade poderán coñecer relatos como ¿Por que no me crees?, no que que Mariam dará conta do que acontece “cando os demais non cres que es capaz de ver”, ou Juntos con los ojos del corazón, a historia de África e Cristian, “dúas persoas que se namoran coa particularidade de que unha delas é cega”. Outro dos integrantes deste grupo, Toni, relatará nesta actividade como o acceso á universidade supuxo unha nova etapa na súa vida; un aspecto no que tamén incidirán Juan e Lucía. Outro mozo con discapacidade visual, Iván, relatará na súa historia Creciendo diferente, “como quere ser como os demais e as emocións que ten cando, ás veces, non o consegue”, mentres que Alba falará da relación do deporte coas persoas con discapacidade visual; Iris abordará a súa experiencia como blogueira, e Iván, en La escuela a oscuras, “falará da súa historia escolar e da súa paixóns polas novas tecnoloxías”.

Ás historias vitais destes dez mozos e mozas sumaranse as de Susana e Rafael, nai e pai dunha nena con discapacidade visual, que no relato Ni pobrecita ni bicho raro porán o foco na “necesidade de máis formación e visibilización”; xunto cos de Ana Lucía, unha mestra invidente do CRE, e Chus, unah docente de primaria que relatará a súa experiencia con nenos con discapacidade visual.

“Todos os relatos o que pretenden é espertar conciencias e defender a inclusión”, engadía Carballo dunha iniciativa na que “cada libro humano é un reto para romper prexuízos, barreiras e estereotipos que, creámolo ou non, cada un de nós cargamos nas nosas mochilas diariamente”. Nese mesmo senso, Parrilla puxo o acento no positivo das human libraries, unha iniciativa nacida hai 15 anos en Dinamarca, á hora de promover a inclusión “desde unha ferramenta que non é habitual, o diálogo”, ao tempo que destacou o papel xogado para o desenvolvemento desta actividade dun “grupo importante” de estudantes de Ciencias da Educación e do Deporte, “axudando a pensar e vertebrar as narrativas orais”, así como de alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación na elaboración do vídeo de presentación do evento.