DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Casa das Campás acolle o 30 e 31 maio do II Simposio A Memoria das Mulleres

Relatos de represión e resistencia que xurdiron das aulas

Xosé Manuel Cid e Victoria Martins relatarán o que padeceron profesoras e alumnas durante o franquis

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 27/05/2014

Sostén Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, que a ditadura franquista privou ao país “dos mellores mestres e mestras da súa historia”, que foron vítimas de catro décadas de represión e silencio por culpa “das súas ideas democráticas e de renovación educativa”. Para rescatar o seu legado do esquecemento e pór en valor a figura daqueles docentes, o Concello de Pontevedra organiza os días 30 e 31 de maio na Casa das Campás o II Simposio A Memoria das Mulleres, que baixo o título de A escola represaliada e resistente, porá o foco no que padeceron durante catro décadas as mulleres vinculadas ao mundo do ensino. Por exemplo, as profesoras que, polo seu labor durante a II República, foron represaliadas na provincia de Ourense e das que falará Xosé Manuel Cid o sábado 31, xornada na que a Casa das Campás tamén acollerá un relatorio da investigadora da Universidade de Vigo Victoria Martins sobre aquelas mulleres que durante o franquismo superaron á “presión social” existente para cursar estudos universitarios.

Menor represión, menor implicación?

O labor de investigación que Xosé Manuel Cid iniciou en 1987 coa súa tese de doutoramento sobre a educación na II República en Ourense, permitiulle constatar que “ata un terzo” dos profesores foron vítimas polo seu labor dunha represión que podía ir da suspensión de emprego e soldo ata o seu fusilamento. De feito, en Galicia foron asasinados máis de 100 mestres trala sublevación militar. Non obstante, só dúas profesoras correron ese mesmo destino e por ese motivo o relatorio de Cid estará centrado en afondar “en que a represión das mestras non foi menor porque estas fosen máis conservadoras, como se ten dito, ou porque tivesen un compromiso menor coa república, senón porque este non era tan visible na vida pública”.

Para dotar de argumentos a esta hipótese, Cid porá sobre a mesa unha serie de relatos de docentes que “directa ou indirectamente” padeceron as consecuencias do réxime, como o dalgunha das doce mulleres que foron “apartadas do ensino de forma definitiva” trala Guerra Civil na provincia de Ourense, ou o daquelas outras que “non foron directamente represaliadas, pero que tiveron que renunciar a todo aquilo que foran, autocensurarse e ensinar cousas coas que non estaban de acordo”.

A figura de Ernestina Otero

Entre as figuras que Cid recuperará na súa conferencia estará a de Ernestina Otero, a que fora a directora da Escola Normal de Maxisterio de Pontevedra, que "viviu desterrada dez anos" en Ourense por mor dun traslado forzoso. A esta mestra dedica o Concello estas xornadas, que se verán precedidas o xoves 29 dun acto de homenaxe. Ademais, a administración local acordou coa Vicerreitoría do campus poñer o seu nome aos premios para a incorporación da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e máster que veñen de ser convocados por primeira vez.

Mulleres que superaron a presión social

Mais non só as profesoras sufriron as consecuencias de catro décadas de ditadura, senón que estas tamén afectaron a aquelas que quixeron cursar estudos universitarios, sobre as que falará Victoria Martins nun relatorio titulado Mulleres universitarias pontevedresas na ditadura franquista. Segundo explica esta investigadora, a súa participación neste simposio terá como eixo o proxecto Mulleres universitarias galegas durante o franquismo, que ten por obxecto construír “un fondo de memoria audiovisual” a través de 25 entrevistas a alumnas que cursaron estudos superiores nunha época na que “era moi complexo acceder á universidade, sobre todo a determinadas áreas”.

Como explica Martins, non existía durante a ditadura unha prohibición legal que impedise ás mulleres continuar os seus estudos, máis si “unha presión social xeneralizada, que se estendeu ademais rapidamente” e pola que era a súa propia contorna a que tentaba arredalas da universidade. Esta presión facíase especialmente intensa en ámbitos como a Medicina ou o Dereito, “as que se denominaban carreiras nobres, nas que custou moito que entrase alumnado feminino, porque ademais en moitos casos tiñan pechada a posibilidade de exercer profesionalmente”, segundo relata Martins, que lembra como algunha das entrevistadas “mesmo tiña que pedir un poder ao seu marido para poder exercer como avogada”.

“Na universidade é onde xorden as clases dirixentes, polo que se non había mulleres formadas, non habería mulleres nas elites culturais e profesionais”, denuncia esta investigadora, que incide no feito de que as súas carreiras académicas fosen orientadas a áreas como Maxisterio, Farmacia ou Enfermería, “a campos que tivesen que ver con traballos cun menor poder de decisión”. Non obstante, existiron en toda Galicia casos de persoas que “se saíron do que estaba marcado” e que serán precisamente as que centren o relatorio de Martins, que presentará extractos das entrevistas realizadas a mulleres vinculadas persoal ou profesionalmente a Pontevedra, como a científica Inmaculada Paz Andrade ou as profesoras da Universidade de Vigo Pilar Allegue e María Álvarez Lires.