DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mañá realizan a última sesión no Pavillón do Berbés de Vigo de 20.00 a 22.00 horas

Remata o estudo sobre os efectos a ximnasia hipopresiva na saúde feminina coa satisfacción das participantes

Os primeiros datos cotexados faranse públicos a mediados de xullo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Esmeralda L. Castro DUVI 23/06/2010

Durante catro meses realizouse no Pavillón do Berbés coa colaboración do Concello e da Área de Deportes de Vigo unha investigación conxunta da Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago sobre muller, saúde e estética, coa finalidade de determinar a relación de diferentes prácticas de exercicio físico coa función sexual da muller, a incontinencia urinaria, a postura, a diminución da cintura e a dor lumbar. Neste estudo participaron ao redor de 150 mulleres e mañá teñen a última sesión, de 20.00 a 22.00 horas, para a que Tamara Rial e Piti Pinsach, coordinadores do proxecto, realizaron un convite xeneralizado co fin de visibilizar o seu traballo. Os primeiros datos cotexados serán presentados o 15 de xullo na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, pero os investigadores aseguran que xa se perciben diferenzas polas apreciacións das propias participantes no estudo.
“Ata que comparemos todos os datos non podemos dar resultados concluíntes, pero algo que está claro é a percepción positiva das alumnas”, comenta Tamara Rial. Sinala que o 40% das participantes tiña incontinencia urinaria e que din que xa notaron melloría. Con relación aos problemas lumbares asegura que melloraron moito a flexibilidade e que teñen menos dor. As cuestións estéticas tamén son importantes para a autoestima e Rial sinala que a maioría das mulleres que participaron no estudo conseguiron reducir a cintura. “Todas din que notan o cambio coa roupa, que xa lles queda frouxa”, comenta.

Asiduidade na participación

Tamara Rial destaca tamén o elevado nivel de participación. “Á conferencia informativa que demos na Casa do Deporte para conseguir voluntarias presentáronse máis de 400 mulleres”, conta, sorprendida de que tantas persoas estean dispostas a facer de coellos de indias. Finalmente seleccionaron 150 mulleres cun rango de idade entre 25 e 60 anos, que dividiron en tres grupos, un para practicar Pilates, outro ximnasia hipopresiva e un terceiro que funcionou como grupo de control sen realizar ningún método. Asegura tamén que nos catro meses de duración da actividade todas asistiron con asiduidade e mesmo agora lles piden continuar.

Deseñar unha ximnasia por e para a muller

Esta investigación naceu da hipótese de que os programas de actividade física que se propoñen habitualmente os ximnasios son prexudiciais para a saúde feminina, posto que exercen unha presión sobre o abdome e o solo pélvico que fai que en posturas relaxadas diminúa o seu ton provocando trastornos como incontinencia urinaria, prolapsos e disfuncións sexuais. “Non se trata, por exemplo, de que o atletismo pensado para os homes se adapte para as mulleres, senón de deseñar un tipo de ximnasia por e para a muller, pensada dende a anatomía feminina”, aclara Tamara Rial. A raíz da investigación realizada asegura que os resultados foron positivos nos dous grupos de exercicio, pero quizais mellores no de ximnasia hipopresiva, coa que se consegue tonificar ben o solo pélvico, mentres que co Pilates resulta máis difícil aplicar a técnica. “Ambos métodos traballan o solo pélvico, pero as técnicas hipopresivas son máis eficaces e axudan tamén a paliar trastornos dixestivos e a mellorar a satisfacción sexual, pois conséguese unha maior vascularización da zona que facilita o orgasmo e intensifica as sensacións”, explica. En definitiva, Rial considera que este método contribúe a mellorar a calidade de vida das mulleres, “algo esencial para o seu empoderamento”, polo que lamenta que só se empregue uroxinecoloxía para o posparto ou en fisioterapia para a mellora postural. Será cuestión de tempo que o esforzo desta investigación acade repercusión e esta técnica se popularice nos ximnasios.