DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Remata o prazo de inscrición para o curso de socorrismo

Cun seminario en instalacións acuáticas e outro en espazos naturais

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 30/03/2009

Esta martes remata o prazo de matrícula para o curso de socorrismo en instalacións acuáticas e en espazos naturais que organizan a Universidade de Vigo e a Fundación Universidade da Coruña e no que colabora a Asociación de Oceanógrafos de Galicia.
A Facultade de Ciencias do Mar acollerá as clases teóricas, mentres que as prácticas se realizarán na piscina mancomunada do Val Miñor da localidade da Ramallosa e nas praias de Vigo e o Val Miñor.
Trátase de dous seminarios sobre socorrismo, un especializado en instalacións acuáticas e outro en espazos acuáticos naturais, cos que se obteñen certificados de formación pola Universidade de Vigo e da Coruña. Os seminarios desenvolveranse durante as fins de semana e botarán a andar este vindeiro día 3 de abril na Facultade de Ciencias do Mar, a partir das 16.00 horas, e rematarán o domingo 31 de maio.
Cunha carga lectiva de 114 horas o programa inclúe contidos relativos a natación, a primeiros auxilios, prevención de accidentes e rescate de accidentados no medio acuáticos e prevención de accidentes e rescate de accidentados en espazos naturais. Entre as probas prácticas inclúese varias modalidades de rescate de manequín a diferentes profundidades, con desprazamento terrestre, con e sen material e dun accidentado consciente e inconsciente, incluíndo tamén prácticas en embarcacións.

Prezos, requisitos e material

A matrícula ten un prezo de 384 euros, pero os membros da Universidade de Vigo e da de Coruña, así como os voluntarios de Protección Civil do Val Miñor teñen unha redución que deixa a cota en 320 euros.
Os interesados que queiran tomar parte en calquera dos seminarios deberán ser maiores de idade ou de 16 anos con autorización paterna, así como ter o graduado escolar ou ter superado como mínimo 4º da ESO. Con todo, é imprescindible saber nadar xa que se deben superar unha serie de probas de aptitude física.
Ademais, para a realización do curso requírese un material que inclúe traxe de baño, gafas e gorro de natación, traxe de neopreno de 3 a 5 mm, escarpíns de neopreno e aletas.
A docencia será impartida por profesores e titulados universitarios e toda a información sobre os seminarios pode consultarse a través do profesor do curso, Carlos Vales, no número 629 541718 e no mail socorrismo@ymail.com.
A matrícula debe facerse efectiva antes de mañá martes na piscina mancomunada do Val Miñor.